A iniciativa fomentará empoderamento persoal, facilitará o coñecemento do mundo empresarial e do emprendemento, e ofrecerá técnicas para desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes
Esta iniciativa nace co obxectivo de formar e crear networking a través de obradoiros nos que se amosará de maneira gratuíta ás participantes as posibilidades de diversificar as súas actividades profesionais. Deste xeito, foméntase o empoderamento persoal, facilítase o coñecemento do mundo empresarial e do emprendemento e ofrécense técnicas para desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes.
José Tomé destacou a importancia deste acordo, que busca seguir “fortalecendo e diversificando o tecido produtivo da provincia a través do apoio a proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres, o que favorece a xeración de riqueza e emprego, e, polo tanto, fixar poboación”.
Aulas Abertas conta con tres áreas educativas principais: a transformación de produtos agrogandeiros, o aproveitamento de recursos e a creación dunha imaxe nas redes, que suman 150 horas. Ademais, compleméntase con conversas con emprendedoras. Esta formación estará impartida por un técnico de emprendemento e un técnico en informática.
Aulas Abertas comezará no outono e AELU estima que serán arredor dun cento as mulleres beneficiarias desta iniciativa.