Pero a mesma palabra ten outras acepcións non tan positivas nin inocentes.
Por exemplo aquela que ven a reflectir procesos polos que unha parte dun corpo, organización ou partido político é eliminado pola súa consideración de membros disidentes. Ou na mesma liña sancionadora a que fala de someter aos funcionarios públicos a expediente pola súa conducta política.
O franquismo desde ben cedo procedeu á depuración dos funcionarios públicos da II República en tódolos ámbitos, sendo o Maxisterio un dos máis castigados por este proceso inquisitorial e afectando dende á máis humilde mestra de aldea ata o máis recoñecido catedrático universitario. A provincia de A Coruña non foi unha excepción.
O proceso depurativo-represivo do Maxisterio coruñés en xeral, e do que exercía no Ortegal en particular, será o que dará contido ao relatorio que Jesús Manuel García Díaz, Doutor en Historia pola Universidade de Vigo, autor de varios libros, e actualmente DIrector da UNED de Ourense, ofrecerá o mércores 23 no acto de apertura das XIII Xornadas “Memoria dun Tempo” organizadas pola asociación Nordés, e que este ano terán lugar nos pobos de Loiba e O Barqueiro.
Para a ocasión o sitio escollido é o local do Centro Social de Loiba con entrada libre e hora de inicio ás 19:30 horas, contando coa participación de Obdulia Dopico, quen foi mestra en Ortigueira, para presentar o acto.