O Presidente asinou co responsable da entidade dous convenios a través dos que a institución aporta máis de 5.000€ para adquirir material que permitirá ampliar o aforo das instalacións do colectivo, dotalas dun xerador de electricidade e ordenadores, e organizar dous obradoiros de artesanía
Lugo, 26 de agosto de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Asociación de Veciños de San Román do Val do Vicedo, Rubén Rábade, dous convenios de colaboración a través dos que a institución aporta 5.000€ para ampliar a capacidade do local social co que conta o colectivo, así como o seu equipamento e as actividades que organiza.
En concreto, a achega da Deputación permitirá á asociación veciñal adquirir material para a celebración de distintas actividades no exterior do local social, ampliando así o aforo deste coa compra dunha carpa e mobiliario exterior, como bancos e mesas, que permitirán crear unha contorna cómoda. Dende a entidade aseguran que estas melloras farán posible que a parroquia conte con distintas actividades culturais, como representacións teatrais ou a proxección de películas.
Tamén se adquirirá un xerador de electricidade e dous ordenadores que servirán, tanto para a formación da veciñanza, como para reducir a fenda dixital en persoas maiores.
Por último, estes acordos inclúen dous obradoiros de artesanía: un curso monográfico de coiro e outro de resina polimérica. As formacións realizaranse, respectivamente, durante unha fin de semana entre os meses de setembro e decembro.
O Presidente destacou a importancia deste acordo, pois dinamiza a actividade social e cultural da parroquia e, polo tanto, contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza e axuda a fixar así poboación no rural.
A asociación veciñal de San Román do Val
A Asociación de Veciños de San Román do Val busca a mellora da calidade de vida da veciñanza, desenvolvendo para elo actividades en defensa dos intereses comúns e promovendo a convivencia e a integración social na parroquia. O colectivo participa no programa Coñece a túa provincia da Deputación e impulsa proxectos que permitan a formación ou o ocio dos socios e socias, así como dos residentes na contorna. Actualmente as actividades realízanse no local social Escola do Vilar.