A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran no curso de verán que achegará do 4 ao 6 de setembro novas olladas sobre a figura e o legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2023
O académico e vatedrático da USC Henrique Monteagudo dirixe as xornadas, que poderán seguirse en directo a través da páxina web da Real Academia Galefa. A institución publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.
Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) implicouse dende moi novo no movemento galeguista dende unha perspectiva progresista e aberta a Europa e o mundo. Foi, primeiro, un destacado líder estudantil na Compostela universitaria da II República e membro activo do Partido Galeguista, e tras a guerra, actor fundamental da resistencia cultural durante o franquismo, fundador da editorial Galaxia, promotor de numerosas iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas. En todos estes perfís profundarase no curso de verán, que será inaugurado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na tarde do luns 4 de setembro.
O presidente da Academia abrirá o foro cunha conferencia sobre Francisco Fernández del Riego nesta institución. O homenaxeado estivo vinculado a ela dende 1948, primeiro como académico correspondente e logo, a partir de 1960, como numerario. Unha das súas primeiras iniciativas como tal foi propoñer a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, agora el mesmo protagoniza. O intelectual foi ademais presidente da RAG entre 1997 e 2001, un período no que a Academia iniciou un notable proceso de modernización.
A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de don Paco nos seus últimos tres anos de vida.
Do activismo republicano á resistencia cultural
O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda “Da República á resistencia”, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez. A mañá rematará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América, coa que tendeu constantemente pontes durante a ditadura. Neste terreo afondará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone, exemplo excepcional do diálogo entre o exilio exterior e interior que don Paco sempre procurou.
A xornada do martes rematará cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.
A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará polo miúdo o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo. Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.
A relación entre memoria, ensaio e paisaxe na obra de Del Riego será o eixe da seguinte mesa redonda, na que tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico correspondente Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo. A xornada de clausura rematará cunha terceira mesa redonda sobre Francisco Fernández del Riego na xeración Galaxia coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do ILG e secretario do curso de verán, Álex Alonso Nogueira, e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.