Traslada a problemático de abastecemento de auga que surte a máis de 12.000 persoas por unha rede pensada para 3.000.
Barreiros, 14 de agosto de 2023. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dirixiu na mañá de hoxe un escrito ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para solicitarlle unha reunión na que abordar a situación do municipio.
A problemática manifestada nos últimos días no abastecemento de auga precipitou a solicitude desta xuntanza, na que traslada a incapacidade das infraestruturas existentes que impide subministrar auga potable suficiente para toda a poboación.
A rexedora explica no escrito que “o concello de Barreiros é un concello de pouco máis de 3.000 habitantes que se ten convertido nun imán turístico moi importante, froito dun desenvolvemento urbanístico do que son consciente de que vostede é perfectamente coñecedor”.
Nese sentido, Ana Ermida remarca que “a situación de Barreiros difire notablemente doutros concellos que tamén se poden ver afectados neste servizo, porque á situación de seca que padecemos, hai que engadir neste caso a realidade urbanística en Barreiros, que non é compartida nesa dimensión por ningún outro concello da comarca”.
A falta de dimensionamento dos servizos para atender a poboación flotante.
A alcaldesa fai fincapé na necesidade de “colaboración e a lealdade institucional que deben rexer o funcionamento das Administracións e ao papel xogado pola administración autonómica en relación aos servizos neste municipio” para solicitar a implicación da administración galega e do seu máximo dirixente.
Menciona nomeadamente que “as redes de abastecemento e saneamento, así como os sistemas de depuración, son claramente deficitarios para asumir este incremento poboacional. Este feito, foi constatado xa no seu momento, cando desde o goberno da Xunta de Galicia se propuxo un investimento de 14 millóns de euros á hora de retirar uns contenciosos que versaban sobre a existencia ou non de servizos que deran cabida á concesión de determinadas licenzas municipais.
Superada esa fase sen que se realizase dito investimento, pode constatarse a falla de servizos para tal, o que provoca verdadeiros problemas para garantilos durante as épocas de maior afluencia; tendo que atender unha poboación estimada de máis de 12.000 persoas cos medios dun concello de 3.000 habitantes”.
Ana Ermida manifesta o convencemento de que o presidente atenderá a súa demanda, dada a súa implicación e a do seu goberno á hora de atender as necesidades dos concellos galegos e, no caso concreto do Concello de Barreiros, que xa se ten manifestado noutras ocasións.