A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución da convocatoria, cun importe total de 100.000 euros
Lugo, 11 de agosto de 2023. A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución provisional dos premios a deportistas individuais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cun investimento total de 100.000 euros, o que supón incremento de case un 20 por cento respecto a anualidade pasada.
O incremento da contía tradúcese no número de deportistas que reciben as bolsas, 230, 45 máis que na convocatoria anterior. Trátase de premios entre os 300 e os 2500 euros, que teñen como obxectivo recoñecer os méritos e fomentar a participación de deportistas de modalidades individuais en competicións, sobre todo nas categorías de base.
O deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “a convocatoria trata de responder sobre todo ás necesidades de deportistas en etapas de formación, contribuíndo a colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou material deportivo” e lembrou que “se reservan un 7 por cento das bolsas para deporte adaptado, reforzando o potencial inclusivo do deporte”.
As contías asígnanse en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde campionatos provinciais ata europeos e mundiais, ao longo de 2022.
A resolución publicarase no Boletín Oficial da Provincia ao longo da vindeira semana.