Ribadeo, 5 de xullo de 2023. Xa está na rúa o sétimo número de A Gaceta Ribadense, o xornal que edita Faro Norte Comunicación con motivo da celebración do Ribadeo Indiano. Desde hoxe, mércores, estase a distribuír entre os negocios e institucións participantes, ademais de nos principais puntos de venda de xornais da vila ribadense.
En A Gaceta Ribadense, con 32 páxinas e unha tirada de 4.000 exemplares, poderán ler artigos elaborados especialmente para esta publicación por Manuel Silveira, Alberto Paraje Méndez, Xosé Carlos Rodríguez Rañón, Patricia Pérez Leal, Carlos Álvarez Lebredo, Pablo Rodríguez (Vivin), María José Fernández Azpeitia e Beni Mántaras. Atoparán tamén unha entrevista de Carmen Cruzado ao pregoeiro da festa, Santiago Jaureguizar, escritor e xornalista moi vinculado a Ribadeo, onde residiu durante a súa infancia e mocidade.
E, como en números anteriores do xornal, neste tamén se inclúen outros contidos moi demandados polos lectores, como o programa de actividades desta edición do evento e unha ampla sección dedicada a fotografías do Ribadeo Indiano 2022, na que se pode ver tanto a ribadenses coma visitantes participar nesta celebración o ano pasado.
Do deseño desta gaceta indiana ocúpase Justo García; da edición, Faro Norte Comunicación; e da coordinación, Carmen Cruzado e Beni Mántaras.