Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro será esta fin de semana a capital da música electrónica de Galicia co festival Ether

A partir das 15:00 do sábado 29 de xullo no parque do Pazo da Misericordia terán lugar os diferentes espectáculos de artistas de techno, house ou disco

Viveiro, 28 de xullo de 2023. O Concello de Viveiro acolle esta fin de semana a sexta edición do festival de música electrónica Ether no parque do Pazo da Misericordia, con presenza de artistas nacionais e internacionais de techno, house e disco. A entrada seguirá sendo gratuíta para que todo o mundo poda desfrutar do evento.

O festival aposta de novo por un cartel moi completo en canto a artistas e variedade de estilos. Despois da xornada de obradoiros e actividades para nenos Etherkids, o Ether propiamente dito comeza a partir das 15:00 do sábado 28 de xullo

O evento foi presentado pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e os organizadores do festival, que convertirá ao concello na capital da música electrónica en Galicia.

“Dentro da nosa programación cultural, variada e para todas as idades, chega agora a quenda do festival Ether, xa unha referencia para os afeccionados á música electrónica”, afirma a alcaldesa.

Entre os e as artistas cuxo espectáculo se poderá desfrutar nesta nova edición do festival están Anne, Varya Karpova, Hertz Collision, Isma B, Karras Martínez, Leo Meizoso, Llonas, Amiga, Cessabit, Edmuk JP ou Gonzalo Smaniotto.

O Pazo da Misericordia, nova ubicación do festival logo de que a edición anterior tivese lugar nos xardíns Noriega Varela, foi inaugurado o 29 de xullo de 1603, coincidindo a edición do festival co 420 aniversario do Pazo. Por outra banda, o nome do festival Ether está inspirado na derradeira serie de cadros de Maruja Mallo, a artista máis recoñecida de Viveiro, titulada ‘Los viajeros del ether’.

Exit mobile version