Site icon Crónica3.com A Mariña

VIA pon en marcha os servizos do concello de Alfoz para este verán

O novo goberno de VIA logra arrincar os diferentes programas tras só dúas semanas

Alfoz, 6 de xullo, 2023. Tralo nomeamento de Efigenia Maseda como nova alcaldesa de Alfoz o pasado día 17 de xuño, o novo equipo de goberno de VIA atopouse coa necesidade de organizar varios proxectos en tempo récord, a maiores das labores que xa implica tomar o mando do concello.

Neste sentido, foi tarefa da nova alcaldía realizar as contratacións tanto para o Ludiverán, que ademais este ano ve incrementado o seu horario, como para a próxima apertura da piscina, tendo esta última a dificultade engadida da falta de socorristas que se está a sufrir a nivel xeral. Tamén se está a por en marcha o servizo de extinción de incendios e o acondicionamento das rutas de sendeirismo, establecendo como obxectivo neste ámbito que a partir de agora teñan un mantemento máis axeitado.

Desde VIA, “lamentamos profundamente calquera contratempo que puideran sufrir os veciños con respecto a estes servicios, que entendemos que sería desexable ter xa en marcha en algúns casos. Para atallar estes inconvenientes, estamos desexando establecer uns métodos e prazos de traballo que nos permitan nun futuro levar a cabo as iniciativas con moita maior previsión e antelación, xa que entendemos que é fundamental facer as cousas cunha planificación seria para poder obter resultados de calidade”.

Por outro lado, VIA púxose en contacto cos veciños e colectivos que tradicionalmente integraban a organización do mercado medieval, coa proposta de que o pobo volva a facerse cargo da mesma e o papel do concello pase a ser a de colaborador esencial, axudando e apoiando o evento. A proposta gozou dunha fantástica acollida e alédanos ver que a maioría da xente aceptou retomar esta labor e comezou a traballar de contado no evento. Deste xeito, esperamos que o mercado rexurda co esplendor que acadou anos atrás.
Todas estas actuacións cadraron, ademais, cun período de dispoñibilidade limitada de parte do persoal do concello por diferentes circunstancias, co cal houbo tarefas que acabaron recaendo no equipo de goberno en moitas ocasións.

Afortunadamente, o persoal do concello que puido estar dispoñible mostrouse colaborador e resultou imprescindible para sacar adiante estas tarefas mentres se seguían atendendo todas as necesidades do concello, polo que dende aquí queremos transmitir o noso agradecemento.
Despois deste intenso e complicado arranque, temos a vontade de informar máis regularmente de todos os movementos feitos e previstos, así como aumentar a transparencia do concello e a facilidade para os veciños que queiran informarse.

Exit mobile version