Mañón, 11 de xullo, 2023. Catro adultos trataban de axudar aos dous menores que se atopaban na auga con dificultades para saír, na Praia de Esteiro, en Mogor, no concello coruñés de Mañón.
Así o relataba o particular que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda cando pasaban dez minutos das cinco e media desta tarde. Os adultos, tras conseguir chegar ata os nenos, debido á corrente que había no mar nese momento, refuxiáronse nunhas rochas á espera de ser auxiliados, posto que tratábase dunha zona de difícil acceso.
Desde o 112 Galicia nada mais ter constancia do suceso puxo os feitos en coñecemento do persoal de Salvamento Fisterra, que mobilizou un helicóptero e do Servizo de Garda Costas de Galicia. Do mesmo xeito, por terra, foron informados a Garda Civil, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, os membros do GES de Ortigueira, os Bombeiros do Eume.
Unha vez no punto, os medios que se desprazaron por terra, concretamente os efectivos de Protección Civil, comunicaban ao 112 Galicia que había mais xente que se estaba botando ao mar para auxiliar aos afectados. En total, indicaban que podía haber ata oito persoas xa illadas. Segundo indicaron, trataron de pedir tranquilidade aos illados, que os medios alí desprazados os ían axudar. Ademais, tiveron que pedir aos bañistas que se atopaban na praia que non se meteran á auga para non complicar a situación. Con todo, aseguraban que, nese intre, non había perigo de que o mar chegara ata onde estaban.
Finalmente, o persoal de Salvamento confirmou ao 112 Galicia que o helicóptero rescatara a sete persoas e que as trasladaba ata o campo de fútbol, ao carón da praia. Afortunadamente, ningún dos afectados necesitou asistencia sanitaria.