As dúas parcelas foron adxudicadas en Dereito de Superficie, o sistema impulsado pola actual xerente para facilitar a implantación de empresas nos parques empresariais de SEA
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023. A xerente da sociedade pública “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, informou este mércores da adxudicación de dúas novas parcelas no parque empresarial de Mondoñedo, que suman unha superficie total de 3.770 metros cadrados.
A compañía adxudicataria foi Vicarli Loxística, coa que a xerente e o equipo de SEA mantiveron reunións durante os meses pasados, para informar das vantaxes do polígono de Mondoñedo e as distintas posibilidades existentes para o acceso ao chan.
Segundo precisou Beatriz Sestayo, a adxudicación das dúas parcelas realizouse en réxime de Dereito de Superficie, que foi impulsado “para facilitar a implantación de novas empresas, en polígonos nos que se detectaba unha menor actividade”.
Este sistema permite que as empresas sexan adxudicatarias do chan sen necesidade de compralo, a modo de alugueiro con opción a compra, por custos inferiores aos 1.000 euros anuais por parcela e coa posibilidade de adquirir, posteriormente, o chan, con descontos parciais nas cantidades abonadas.
O chan en Dereito de Superficie xa permitiu tamén atraer novas empresas a polígonos como os de Muros ou Vimianzo.
A compañía Vicarli é un operador loxístico especializado en servizos integrais para a industria, con sede en Huarte (Pamplona), e que prevé destinar o chan do polígono de Mondoñedo a tarefas vinculadas ao sector eólico.
Con esta nova operación pechada en Mondoñedo, “SEA” confirma os bos resultados deste exercicio de 2023, no que xa se adxudicaron 30 parcelas, en 9 parques empresariais, que suman máis de 85.000 metros cadrados e que supoñen un movemento económico de 3’8 millóns de euros.
Suelo Empresarial del Atlántico
“Suelo Empresarial del Atlántico”, dependente nun 83,44% do Ministerio de Transportes https://www.mitma.gob.es/ a través de Sepes, xestiona en Galicia 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados
Están situados nas provincias de Lugo -Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.
Ao accionariado de “Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L., S.M.E., tamén se incorporan a Xunta de Galicia e ABANCA.