Site icon Crónica3.com A Mariña

San Cibrao acollerá a primeira fin de semana de agosto o Festival Folklórico internacional e infantil da man de Mistura

A cita comezará o venres 4 de agosto, a partir das 19:30 horas, coas actuacións dos grupos African Tumbas (Kenia), Otrora (Colombia), Ibarra Kaldu (Portugalete/Biscaia) e o grupo anfitrión Mistura será o encargado de poñer o broche de ouro

Cervo, 22 de xullo de 2023. O Concello de Cervo convida a gozar do Festival Folklórico internacional e Infantil que se celebrará en San Cibrao, na Praza dos Campos, a primeira fin de semana de agosto da man do Grupo Folklórico Mistura, coa colaboración da Administración local.

A rexedora, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Emprego e Formación, Alfredo Fernández, presentaron a cita acompañados do Presidente e profesor do Grupo organizador, Claudio López, e doutros compañeiros de Mistura.

Así, o venres 4 terá lugar o Festival internacional que arrincará ás 19:30 horas coa participación dos grupos African Tumbas (Kenia), Otrora (Colombia), Ibarra Kaldu (Portugalete/Biscaia) e o grupo anfitrión Mistura será o encargado de poñer o broche de ouro.

Xa o domingo 6 será a quenda dos máis pequenos/as; a partir das 19:00h actuarán a Asociación Cultural Buxainas (Cedeira), a Agrupación Folklórica Os do 21 (O Vicedo) e rematará o Grupo Folklórico Mistura de San Cibrao

Caramés quixo darlle os parabéns ao Grupo Folklórico Mistura polo traballo que están a facer a prol da Cultura Galega, “achegando, ademais o noso Folklore ás novas xeracións, velando así pola súa conservación como ben patrimonial que é”, e animou a todo o pobo a que participe e asista a ver un espectáculo “que é un intercambio cultural único que nos ofrece a oportunidade de ver en directo o talento de diferentes agrupacións nacionais e internacionais, aos que animamos a desfrutar do noso municipio e de todo canto Cervo pode ofrecer”.

Exit mobile version