Site icon Crónica3.com A Mariña

Rueda destaca o apoio da Xunta ás empresas vencelladas ás enerxías renovables coa declaración como proxecto empresarial singular da futura fábrica de Norvento en Lugo

O presidente do Goberno galego visita o Centro de Innovación desta compañía no polígono das Gándaras de Lugo

Lugo, 12 de xullo de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o firme compromiso da Xunta co desenvolvemento das enerxías renovables ao apoiar ás empresas vencelladas a este eido con diferentes medidas. Entre elas, durante unha visita ás instalacións de Norvento en Lugo, destacou a declaración como proxecto empresarial singular da fábrica ‘enerxía cero’ que esta compañía vai construír no polígono das Gándaras apostando polo I+D+i.

Rueda, que puxo a Norvento como exemplo da Galicia “potente en materia de enerxía” que aposta pola sustentabilidade e a innovación, resaltou que a futura fábrica de Norvento é un proxecto clave non só para Lugo, senón para toda a comunidade. Esta planta -na que se fabricarán equipos para a xeración ou almacenamento de enerxía- vai supoñer un investimento de 50 millóns de euros coa previsión de crear preto dun millar de postos de traballo. Grazas a declaración de proxecto empresarial singular -aprobada en abril polo Consello da Xunta-, acelérase a adxudicación de terreos á compañía para que poida levar a cabo este proxecto.

O presidente, acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou que Galicia xa é un referente no sector das enerxías renovables -o 65% da electricidade xerada na comunidade xa procede destas fontes-, pero a Xunta quere reforzar aínda máis o papel de Galicia neste eido. Para iso, destacou medidas como a Axenda Enerxética de Galicia 2030 coa que o Executivo autonómico quere reducir os custos enerxéticos para as compañías, impulsar o uso de renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro así como promover proxectos industriais vencellados a este sector.

Ademais, Rueda salientou a importancia de que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais revertan na propia comunidade. Por iso, destacou a futura Lei de recursos naturais que nace con ese obxectivo dunha “eólica con sentidiño” e que inclúe a creación dunha sociedade público-privada para a xestión de proxectos enerxéticos. Nesta liña, o presidente destacou o compromiso do tecido empresarial e social galego con esta iniciativa que xa conta cunha vintena de entidades interesadas e con propostas que superan amplamente o obxectivo inicial de 20 millóns de euros de capital privado.

“Desde o convencemento de preservar o medio ambiente onde están instaladas as fontes de produción de enerxía renovable, tamén estamos convencidos de que podemos seguir medrando e de que as oportunidades que non se aproveiten en Galicia, hai outros moitos territorios próximos a nós que o van facer, polo que creo non temos que deixar pasar esa oportunidade”, destacou.

Exit mobile version