Ribadeo, 28 de xullo de 2023. O salón de plenos do Concello acolleu o acto de recoñecemento a catro rapaces do Club de Remo de Ribadeo tras os seus últimos éxitos deportivos. Trátase de: Antón Balsa Val, campión de España infantil na modalidade olímpica; Conrado Lara Calonge e Mateo Monteserín González, subcampións de España en remo olímpico categoría cadete; e Irene Garcia Valle, subcampiona de España en remo olímpico categoría cadete. No acto participaron a tenente de alcalde, Begoña Sanjurjo, e os concelleiros de Deportes e Benestar Social, Francisco José Silvent e Elena Sierra.
Tanto Sanjurjo como Silvent agradecéronlles que “levedes o nome de Ribadeo tan alto e por tantos lugares”. O concelleiro de Deportes subliñou: “o esforzo deste deporte, os adestramentos e tamén o apoio do club, dos adestradores e da familias, que sempre están aí, para celebrar cando se trunfa e para animar cando non se conseguen as metas desexadas”.
Begoña Sanjurjo manifestou: “desde o Concello queremos felicitarvos, darvos as grazas por colocar o nome de Ribadeo no alto dos podiums e desexarvos que teñades moitos mais trunfos deportivos e tamén na vosa vida persoal”. A tenente de alcalde tamén tivo palabras de agradecemento “para o club e para as familias que vos apoian día a día, nos madrugóns, nos adestramentos, nos trunfos e tamén naqueles días non tan bos, cando chegades á casa vos animan para conseguir as vosas metas”.
O acto rematou coa entrega de agasallos aos deportistas homenaxeados e cunha foto de grupo xunto a todos os familiares que quixeron arroupalos coa súa presenza.