O rexedor dixo que “durante esta fin de semana Ribadeo vai celebrar o Vendaval Fest, un festival de nova creación. Ribadeo quere apostar polos festivais. Temos moitos e un dos máis importantes é o Vendaval Fest. Dende o Concello e a Xunta de Galicia queremos colaborar con eles e tamén agradecemos as colaboracións da Deputación Provincial e de todas as entidades privadas que queren apoiar a este grupo de rapaces”.
Vega lembrou que “nós dende o comezo quixemos colaborar con eles e quixemos apostar claramente por un festival que cremos que está moi ben organizado e que vai atraer moita xente a Ribadeo. Estamos diante dunha fin de semana cargada de actividades, dunha fin de semana onde o Vendaval Fest quere revolucionar Ribadeo coa súa proposta. Polo tanto, felitacións e noraboa por esta organización a este grupo de rapaces que están facendo as cousas realmente ben e están apostando por Ribadeo nesa programación cultural que ten a vila durante todo o ano”.
Desde a asociación Catro Caños Arturo Iglesias contou que “o día 22 empezaremos a mediodía coa sesión vermú na Praza do Cantón, que será amenizada pola Duendeneta e haberá un mercadiño organizado por nosoutros e pola asociación Vacas Fracas.
Posteriormente, tamén na zona vella a Duendeneta poñerá música. Alí xa poderemos empezar a quentar motores cuns vermús e cunhas cervexiñas. Despois, pola tarde ás 19.30 horas abriranse as portas e empezará o Vendaval Fest cunha sesión dunha hora da Duendeneta”.
Iglesias seguiu a relatar: “o primeiro grupo empezará ás 20.30 horas, que será Ritmo Vudú, e xa dende aí ata ás 4.30h da mañá Beetle Judge, posteriormente La Tarrancha e Herdeiros da Crus sobre ás 00.30 horas. Finalmente xa remataremos con Gansos Rosas. Ao día seguinte, para que a xente non durma moito, faremos outra sesión vermú na Praza de Abastos. As propias foodtrucks que imos ter dentro do recinto saíran para fóra. Dun lado da praza estará o Mercado dos Domingos, como sempre no verán, e doutro lado da praza teremos unha sesión vermú tamén amenizada pola Duendeneta como o día anterior”.
Desde os Catro Caños engaden que “queríamos traer algo distinto e que o fin de semana sexa algo máis completo. A nosa expectativa é que a xente veña, que disfrute moito, que vaia con bo sabor de boca e queira repetir o ano que vén. Incluso que poda facerse moitos anos este festival. Agora, canta máis xente veña mellor, estamos preparados para enche o aforo, que é grande. As expectativas son as mellores posibles”.