Burela, 8 de xullo, 2023. Este venres 7 de xullo, rematou o primeiro dos cursos de verán que ofrece a Escola Municipal de Música de xeito gratuíto a todos os rapaces e adultos que se queiran achegar ao mundo da música.
Esta iniciativa que partiu da escola de música, púxose en marcha no curso 2008-2009, celebrándose este ano a edición número trece. Ao longo destes anos, o curso de verán ten acollido a centenares de adultos e rapaces dende os catro anos en diante e ten realizado múltiples montaxes musicais coma: óperas, contos musicais con escenografía, concertos con coros e orquestra, concertos multidisciplinais, aglutinando diferentes estilos musicais e formacións diversas.
Neste XIII edición o fío condutor foi a idea da multiculturalidade que conflúe en Burela. Por este motivo contouse coa colaboración dos distintos colectivos máis numerosos coma o de Cabo Verde e o peruano.
Durante os cinco días que durou o taller preparáronse cos case cincuenta participantes, dous temas representativos da cultura caboverdiana, dous temas representativos da cultura peruana e tamén dous temas representativos da cultura galega. Houbo actividade para todos, xa que o traballo dividíuse en diferentes seccións, por un lado o grupo vogal de adultos coa profesora Chus González, o taller infantil que preparou atrezzo, bailes e voces coas profesoras Uxía García , Iria de Cabo e Xulia Nogueira e o grupo de orquestra co profesor Xacobe Pedre, que preparou a música a interpretar baixo a batuta e arranxos do director da escola Xan Caballal.
Toda esta mestura deu en confluír nun fermoso concerto que amosou ao público asistente, a dedicación o esforzo e bo facer tanto do alumnado participante coma do profesorado da escola de música.
Na vindeira semana, dos días 10 ao 14 de xullo en horario de 17.00 a 21:00 horas, terá lugar o Curso de verán de Jazz e banda, que levarán a cabo os profesores Iria de Cabo, Álvaro Prieto, Jose García, e Adrián Arias ,que prepararán diversos temas xunto a unha trintena de participantes, e que plasmarán nun concerto final o día 14 de xuño ás 19:00 horas, que se o tempo o permite será na Praza da Mariña ou de non ser así celebrarase na Escola de Música.
A ESMU de Burela aposta firmemente por estas actividades xa que indubidablemente reforzan o traballo feito durante o período escolar ao tempo que fomentan valores non só na educación, senón na transversalidade da formación do individuo, coma o compañeirismo, a convivencia, a paciencia, o traballo en grupo, a constancia e o esforzo, todos necesarios para asentar valores e apostar por que a cultura sexa o motor da sociedade”.
Por último indicar que o prazo de matrícula na está aberto hasta o venres 14 de xullo, e que poden inscribirse na sede da escola de musica en horario de 10:00 a 14:00 horas, onde poderán consultar toda a información relativa a este tema que precisen.