Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o programa do VIII Ribadeo Indiano, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo

Ribadeo, 1 de xullo de 2023. Presentado o programa do VIII Ribadeo Indiano, que inclúe charlas, visitas teatralizadas, obradoiros de baile, os haigas, o mercado de produtos de ultramar, o mercado da horta, xincana ou verbenas. Do 7 ao 9 de xullo desenvolverase un amplo abano de actividades para todos os públicos co obxectivo de render homenaxe á emigración.

O alcalde, Daniel Vega, declarou que “comezou a conta atrás do VIII Ribadeo Indiano, que ven quentando motores durante todo este mes de xuño, con varios obradoiros e coa inauguración onte na casa indiana de Don Gonzalo de Bedoya dunha exposición de arte cubano contemporáneo. E hoxe teremos tamén unha charla relacionada con esta mostra”.

O rexedor explicou que “a partires de aquí a vindeira semana engalanaremos, como se merece, a nosa vila para a celebración do 7 ao 9 de xullo do oitavo Ribadeo Indiano, que arrincará o venres coa presentación e co pregón no Teatro a cargo do escritor e xornalista Santiago Jaureguizar. O programa, que xa se atopa na páxina oficial e nas redes sociais do Ribadeo Indiano, inclúe visitas teatralizadas, paseos polo legado indiano da nosa vila, pero tamén de Rinlo, de Vilaframil ou da Devesa. Haberá charlas, teremos a chegada dos haigas, a xincana, o mercado de produtos de ultramar, o mercado da horta, teremos torneos de petanca, obradoiros de baile e o tradicional xantar campestre na Devesa”.

Vega dixo que “a música estará moi presente. Ademais do Festival de Habaneras e do concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo contaremos coa presenza de grupos de tanto renome como o Septeto Santiaguero, que ten varios grammys no seu haber ou o grande concerto que ofrecerá Eliades Ochoa, un dos soneros cubanos máis importantes de todos os tempos”.

O alcalde engadiu que “a organización do Ribadeo Indiano deseñou unha ampla programación para o goce de todos os públicos, desde os máis pequenos e pequenas da casa ata os máis maiores. Este é un evento para toda a familia”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “o Ribadeo Indiano é un importante evento cultural co que esta vila rende homenaxe á súa emigración. É unha cita moi importante para a dinamización da economía local. Sabemos que hai hoteis co cartel de completo colgado. Sabemos que as casas de comidas contan con reservas feitas desde hai máis de dous meses. Sabemos que a estes alturas hai moita expectación e que todos estamos xa metidos de cheo na oitava edición do Ribadeo Indiano, que culminará o 9 de xullo no barrio de San Roque co concerto do grande Eliades Ochoa e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas”.

Cruzado Iglesias manifestou: “agardamos que os ribadenses e os milleiros de persoas que eses días van pasar por Ribadeo gocen de cada unha das actividades do programa deseñado para este 2023”.

Exit mobile version