Con esta visita á Mariña lucense, os deputados populares inician unha rolda de visitas a todos os concellos da provincia para coñecer ás necesidades existentes en cada municipio e estudar as posibles solucións que se poden poñer en marcha dende a Deputación
O propio Ameijide e a vicevoceira do Grupo Provincial, Carmen José López, visitaron xunto ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, diferentes puntos do concello mariñán e comprobaron como as primeiras decisións do rexedor popular xa deron os seus froitos, como:
Un plan de aseo urbano intensivo, tanto de baldeo das rúas, recollida de residuos e limpeza viaria, xa que é un dos principais compromisos de Daniel Vega
A estabilización dunha das baixadas á praia do Cargadeiro
O acondicionamento da rúa Casa do Pobo.
Tanto Ameijide como López puxeron en valor o traballo que está a facer Daniel Vega nos días que leva na alcaldía, “que en realidade é a continuidade do gran esforzo que fixo na oposición, fiscalizando a acción de goberno e sempre dando solucións positivas aos problemas da veciñanza de Ribadeo”.
Para os vindeiros días os deputados populares xa teñen programadas tamén visitas a outros concellos como Trabada ou Barreiros, nunha serie de visitas que os levarán a estar en todos os concellos da provincia “para coñecer ás necesidades existentes en cada municipio e estudar as posibles solucións que se poden poñer en marcha dende a Deputación”.