Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG entrevístase co voceiro da área de medio rural do PSOE, Martín Seco, para activar solucións no sector leiteiro

Observatorio do Leite Galego, índices de referencia, seguimento da entrada de leite de fóra; algunhas das principais demandas

Compostela, 6 de Xullo 2023. A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; a gandeira de leite en ecolóxico e vogal do SLG no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), Concha Blanco; e o coordenador do sector leiteiro no SLG, Xulio Fernández, entrevistáronse co voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, a fin de trasladar a nosa preocupación pola inacción e desleixo da Consellaría do Medio Rural (CMR), e procurar unhas liñas de traballo conxunto a nivel parlamentario que permitan presionar á CMR para que actúe fronte á baixada de prezos xeralizada orquestrada polas industrias lácteas.

Na xuntanza mantida, dende o Sindicato Labrego fixemos fincapé na necesidade de contar cuns índices de referencia para custos de produción, unha ferramenta imprescindible para poder manexar datos obxectivos que permitan o establecemento dun prezo xusto para o leite que cubra custos e remunere o traballo das gandeiras e gandeiros.

Malia que a CMR se ten comprometido publicamente en reiteradas ocasións a proporcionar este indicador básico, non só está realizando un completo abandono das súas responsabilidades neste senso -desleixo que favorece ás industrias lácteas-, senón que propostas como a Conta Láctea estanse revelando na práctica como un paripé utilizado para desactivar as mobilizacións do sector leiteiro no seu momento. Dende a súa creación, a CMR non se preocupou en absoluto nin de dotala de datos nin en garantir un procedemento rigoroso de inserción dos mesmos que permita obter unha información estatística fiábel.

Nesta liña, subliñamos dende o SLG, tamén o Observatorio do Leite Galego está a día de hoxe anulado na práctica, servindo só para que a CMR poda dicir que exista, mentras que na realidade está bloqueando o seu funcionamento e limitando ao máximo a súa utilidade. Solicitamos ao PSOE que realice as xestións correspondentes a fin de dinamizar unha convocatoria urxente do mesmo, no que as organizacións agrarias podamos tratar directamente cas industrias, a grande distribución e a Consellaría a problemática de baixada de prezos inxustificada que están a afrontar as granxas de leite, así como outras irregularidades das que estamos a ter constancia, como por exemplo a entrada dunha significativa cantidade de leite de fóra no noso país, que require dun seguemento inmediato. Canda este Observatorio, instamos á Consellaría a levar adiante as iniciativas precisas para avanzar na creación dun espazo de diálogo que non sexa excluínte, sendo o establecemento dunha Mesa do Leite unha reivindicación histórica do SLG.

O que necesita o sector é transparencia e unha Administración que pare as baixadas de prezo cumprindo ca súa responsabilidade de facer respectar a Lei da Cadea, garantindo no sector leiteiro un contexto de relacións laborais xusto e equilibrado. A este respecto, incidimos, é totalmente intolerábel, e un insulto ás gandeiras e gandieros, a práctica da Consellaría de Medio Rural de incumprir flagrantemente a Lei da Cadea concedendo axudas públicas a industrias sancionadas pola mesma.

Precisamos unha Administración que teña un compromiso real, non de cara á galería ou aos medios de comunicación; que realmente traballe para pór fin ás prácticas abusivas das industrias lácteas, que na actualidade, ca complicidade necesaria da Consellaría do Medio Rural, están a comprometer o futuro do sector leiteiro no noso país.

Exit mobile version