O candidato popular ao Congreso por Lugo Jaime de Olano sinala que cando se trata de infraestruturas o PSOE non é crible despois de tantos incumprimentos como acumula coa provincia
Lugo, 7 de xullo de 2023. A credibilidade do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, cando se trata de infraestruturas, é mínima, por non dicir que non ten credibilidade cando anuncia proxectos, despois de reiterados incumprimentos tanto en materia de estradas como de ferrocarril. Agora compromete investimentos na autovía da Mariña, e o popular Jaime de Olano, sinala que “aínda que se trate de poñer toda a boa vontade do mundo, custa crer ao partido socialista cando fala de novos investimentos en infraestruturas viarias, porque tivo catro anos para dar unha solucións, e dotar á Mariña das comunicacións que merece, e non fixo nada”.
Para os populares, o Goberno presidido por Pedro Sánchez pasará á historia por ser o primeiro que, no balance final dunha lexislatura, en lugar de aumentar os quilómetros de autoestradas construídos en Galicia, os ten recortado, porque non houbo novos proxectos e seguimos sen o viaduto do Castro.
No PP sinalan que cando os socialistas din que o Goberno vai levar por fin a cabo a construción da A-74, entende que se refiren “a que vai ter que chegar ao Goberno o PP para que esta reivindicación dos veciños e veciñas da Mariña sexa unha realidade”.
Jaime de Olano indica que “mentres os gobernos do PP constrúen estradas, melloran a calidade de vida das familias e contribúen á competitividade das empresas, os do PSOE o único que constrúen son relatos, novas escusas para tratar de explicar por que non teñen feito nada”.