O grupo provincial popular cuestiona que “Tomé sexa a persoa axeitada” para dirixir vías e obras tras un mandato no que non deu solución aos problemas existentes nas estradas provinciais, sendo o estado da rede viaria provincial unha das principais queixas dos veciños
Mércores 12 de xullo de 2023. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular definiron hoxe as áreas de traballo que ocupará cada un para poder realizar “unha marcaxe individual” aos membros do goberno provincial para fiscalizar con detalle cada área de traballo, velando polo trato igualitario aos concellos evitando calquera tipo de discriminación.
O voceiro Antonio Ameijide recorda que esta división de funcións “é o resultado do consenso dentro do equipo e ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento do traballo “do mellor xeito e cunha rigorosidade máxima”.
Os deputados populares consideran que o resultado deste reparto de áreas de traballo “é a mellor organización do día a día e que acadan un goberno en paralelo para poder fiscalizar a acción dos deputados socialistas e nacionalistas, ademais de realizar propostas en positivo”.
Os populares realizan estas reflexións buscando “o mellor para a provincia” xa que, como se anunciou dende o primeiro intre, “imos facer unha oposición construtiva, dando prioridade aos intereses de todos os veciños da provincia”.
REPARTO DE FUNCIÓNS DO GRUPO PROVINCIAL POPULAR
No Grupo Provincial do Partido Popular Antonio Ameijide exercerá de voceiro, mentres que Carmen José López e Demetrio Salgueiro exercerán de vocevoceiros.
Área de xestión territorial: Antonio Ameijide (voceiro)
Área de réxime interior, promoción do territorio e turismo: José Ángel Santos
Área de promoción económica e social: Carmen José López (vicevoceira)
Área de economía, recadación, facenda e especial de contas: Demetrio Salgueiro
Área de participación cidadá: Clemente Iglesias
Área de muller e igualdade: Carmen José López
Área de cooperación e asistencia aos concellos: José Pardo
Área de formación, ensino e economía do coñecemento: Javier Varela
Área de medio ambiente: Luis Fernández
Área de recursos sostibles: Armando Castosa
Área de deportes, artesanía e deseño e memoria: José María Fernández
Área de medio rural e do mar e mocidade: Jesús Núñez (medio rural e mocidade) e Demetrio Salgueiro (mar)
Área de cultura, patrimonio histórico e artístico e normalización lingüística: Francisco Balado
Os deputados populares tamén acordaron o reparto das dedicacións que corresponden ao grupo. Antonio Ameijide, Javier Varela e Jesús Núñez terán unha dedicación exclusiva cada un, mentres que Carmen José López terá media dedicación.
VALORACIÓN DO REPARTO DE FUNCIÓNS NO GOBERNO PROVINCIAL
Os deputados populares tamén cuestionan a decisión de Tomé de manterse á fronte de vías e obras dado que nos últimos catro anos “non se deu solución aos numerosos problemas existentes en moitos puntos da extensa rede viaria provincial”, unha área que suscitou un elevado número de críticas por parte dos veciños da provincia. Tendo en conta que a rede viaria provincial é fundamental para a vertebración do territorio e a mobilidade dos lucenses, “agardamos que neste mandato lle dea un impulso a este servizo”, sinalan.
Tamén dubidan no Grupo Provincial Popular sobre a idoneidade do nomeamento para a xestión das áreas do Centro de Recría e Finca Gayoso Castro e de Medio Rural e do Mar xa que a formación, os coñecementos e as traxectorias profesionais destes deputados semellan non ter demasiada relación cos cometidos que lles asignaron.