O deputado José María Fernández explica que as actuacións que son precisas realizar son repintar ambas estradas, renovar a sinalización vertical e desbroce da vexetación, que en moitos puntos xa invade a calzada
Venres 7 de xullo de 2023. Seguindo coas visitas que os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular teñen previsto realizar a todos os municipios da provincia, tanto o voceiro, Antonio Ameijide, como a vicevoceira, Carmen José López, estiveron hoxe en Trabada, onde puideron comprobar as principais dos veciños da man do voceiro do PP neste municipio, José María Fernández, que tamén é deputado provincial.
Tras esta visita os deputados populares explican que se pedirá ao goberno provincial o arranxo das estradas LU-P-6103 e LU-P-6104. “É preciso repintar ambas estradas e renovar a sinalización vertical, ambas moi deficientes, sen esquecer o desbroce da vexetación, que en moitos puntos xa invade a calzada”, sinala José María Fernández.
A estrada LU-P-6103 conecta Tradaba e Fórnea e trátase dunha vía moi empregada polos veciños de Trabada xa que é a principal conexión deste municipio co Hospital da Mariña e que tamén presenta problemas de falta de visibilidade, sendo por momentos case imposible circular por ela. No referente a LU-P-6104 é a principal conexión deste municipio con Asturias e moi empregada polos veciños de Trabada xa que é o principal acceso á gasolineira do centro urbano.
Os deputados populares presentarán unha iniciativa para que a Deputación Provincial considere o arranxo destas dúas vías que a diario soportan un importante volume de circulación polo que “garantir a seguridade de todos os usuarios destas vías é prioritario”.