Os populares advirten que “a comezos de xullo Burela só conta cunha bandeira azul izada, na praia da Marosa” e condenan a “hipocrisía” das palabras da señora López Moreno sobre a man tendida á oposición; xa que “o Grupo Municipal Popular non foi convidado ao izado”
O PP insta ao bipartito a “anticiparse” e deixar de “botar balóns fóra culpando á Xunta cando se trata dun servizo de competencia exclusivamente municipal”. Así o subliñan tendo en conta que “no discurso de investidura a señora López Moreno dixo que se responsabilizaba de todo o que sucedese a partir do día 17 de xuño porque era alcaldesa”.
Os populares engaden, ademais, que “existe un comité de praias que se puido ter convocado para abordar esta cuestión porque podían xurdir novas ideas”. De feito, deste comité forman parte membros da oposición coma o concelleiro do Partido Popular Félix Martins que “podía aportar frescura” sobre este tema.
IZADO DAS BANDEIRAS AZUIS
Os populares advirten que “a comezos de xullo só hai un areal coa bandeira azul izada; cando a estas alturas do ano as tres principais praias deberían contar con esta bandeira izada”. Nese sentido, pregúntanse os motivos polos que, por agora, só foi izada a bandeira azul na Marosa.
Por outra banda, condenan outra vez máis a “hipocrisía” das palabras da señora López Moreno no discurso de investidura en relación á man tendida á oposición; xa que “o Grupo Municipal Popular non foi convidado ao izado da bandeira azul na Marosa”. Polo tanto, “lonxe queda a elegancia mantida polo goberno socialista en minoría do señor Llano onde se convidaba a tódolos grupos municipais ao izado das bandeiras azuis”.