Os populares defenden a importancia de “escoitar aos vilalbeses e vilalbesas e realizar os estudos técnicos pertinentes antes de tomar decisións de calado coma as relacionadas coa mobilidade urbana”
Os populares lamentan que “Vilalba se despida da entrada histórica dun espazo moi recoñecible e que constitúe un sinal de identidade do noso municipio”. Nese sentido, lembran que a eliminación dos bolardos e das escaleiras laterais deste espazo se inclúen no proxecto que o anterior goberno socialista quixo vincular coa obra de mellora do saneamento da rúa da Pravia, a pesar de que “son asuntos totalmente distintos”.
VILALBA ABERTA CAMBIA DE OPINIÓN
Coa chegada de Vilalba Aberta ao goberno local, volve ser noticia o sentido de circulación na rúa da Pravia. “Vilalba Aberta corrixe aos seus socios de goberno anunciando o cambio de sentido na circulación dos vehículos pola rúa da Pravia en dirección Lugo; cando o PSOE no pasado mandato defendeu a unidireccionalidade, pero en sentido Mondoñedo, que é no que está agora”, apuntan os populares.
Pero iso non é todo, “Vilalba Aberta corríxese a si mesma”. De feito, “a formación asemblearia defendía en xuño do 2020, despois de ser relegada do anterior bipartito, unha reordenación do tráfico que sobre a rúa da Pravia recollía: “ata o cruce da Rúa Domingo Goás, establecemento de dirección única cara Mondoñedo…”.
Os populares, pola súa banda, defenden a importancia de “escoitar aos vilalbeses e vilalbesas” e, por suposto, inciden en que “é necesario realizar os estudos técnicos pertinentes antes de tomar decisións de calado -coma as relacionadas coa mobilidade urbana- que afectan ao día a día de moitos veciños e veciñas”.
UNHA XESTIÓN SEN PLANIFICACIÓN NIN RUMBO CLARO
Para os populares “este mandato comeza igual que o anterior: sen unha planificación clara de xestión, sen rumbo claro e repetindo a técnica de pequenos parches para intentar convencer aos vilalbeses de decisións tomadas, pero que deberían estar planificadas e consensuadas previamente”. Nese sentido, o Grupo Municipal Popular defende “unha xestión baseada na planificación de forma que se eviten sobrecustes e demoras nos prazos de execución das obras”.