Os deputados populares consideran que a comisión de queixas e suxestións debe convocarse de inmediato para así dar á veciñanza un espazo no que presentar suxestións, queixas ou reclamacións sobre o funcionamento da entidade e o estado das propiedades provinciais
Froito desa actitude construtiva e en positivo os deputados populares defenderán dúas iniciativas. A primeira, vai dirixida a crear unha mesa de traballo, con representación de todos os grupos da corporación provincial e cos traballadores que se estime necesarios, para acadar un reparto igualitario dos medios dispoñibles no parque móbil e poñelos a disposición de todos os municipios de menos de 20.000 habitantes. “A realidade é que os equipos do parque móbil realizan moitas máis tarefas de mantemento naqueles concellos gobernados por PSOE e BNG que nos que goberna o PP, e non é xusto con eses veciños xa que teñen o mesmo dereito de ter os medios do parque móbil traballando no seu municipio”, explican.
Esta mesa de traballo debe ter unha periodicidade trimestral e nela o goberno provincial debe de dar conta de con que concellos colaborou a Deputación Provincial de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos e a relación dos Concellos cos que teñen previsto colaborar durante o presente ano 2023.
A segunda iniciativa que defenderán os populares no pleno de mañá consiste en pedir que o goberno provincial active a comisión de queixas, suxestión e reclamacións e a convoque, no prazo dun mes, atendendo ao establecido no artigo 74 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo.
No Grupo Provincial Popular defendemos que “todos os cidadáns temos dereitos ante a Administración pública, sendo un deles o dereito a presentar suxestións, queixas ou reclamacións en relación co funcionamento dos servizos públicos e os órganos e unidades da Administración” polo que tendo en conta a necesidade de garantir a defensa dos dereitos dos veciños, a lei establece un órgano no ámbito organizativo das Administracións Locais: a Comisión especial de Suxestións e Reclamacións, que debe ser creada polo Pleno.
A petición dos populares consiste en que esta comisión ten que estar formada por representantes de todos os grupos políticos que integran o pleno na mesma proporción que as comisións informativas, tendo esta comisión a potestade de supervisar a actividade da Deputación.