Os deputados populares consideran que a comisión de queixas e suxestións debe convocarse de inmediato para así dar á veciñanza un espazo no que presentar suxestións, queixas ou reclamacións sobre o funcionamento da entidade e o estado das propiedades provinciais
Martes 25 de xullo de 2023. No día que tomaron posesión como deputados provinciais, os membros do Grupo Popular facían público que durante estes catro anos realizarían unha exhaustiva labor de control do goberno provincial ademais dunha actitude construtiva e propositiva para mellorar a vida de todos os lucenses da provincia.
Froito desa actitude construtiva e en positivo os deputados populares defenderán dúas iniciativas. A primeira, vai dirixida a crear unha mesa de traballo, con representación de todos os grupos da corporación provincial e cos traballadores que se estime necesarios, para acadar un reparto igualitario dos medios dispoñibles no parque móbil e poñelos a disposición de todos os municipios de menos de 20.000 habitantes. “A realidade é que os equipos do parque móbil realizan moitas máis tarefas de mantemento naqueles concellos gobernados por PSOE e BNG que nos que goberna o PP, e non é xusto con eses veciños xa que teñen o mesmo dereito de ter os medios do parque móbil traballando no seu municipio”, explican.
Esta mesa de traballo debe ter unha periodicidade trimestral e nela o goberno provincial debe de dar conta de con que concellos colaborou a Deputación Provincial de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos e a relación dos Concellos cos que teñen previsto colaborar durante o presente ano 2023.
A segunda iniciativa que defenderán os populares no pleno de mañá consiste en pedir que o goberno provincial active a comisión de queixas, suxestión e reclamacións e a convoque, no prazo dun mes, atendendo ao establecido no artigo 74 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo.
No Grupo Provincial Popular defendemos que “todos os cidadáns temos dereitos ante a Administración pública, sendo un deles o dereito a presentar suxestións, queixas ou reclamacións en relación co funcionamento dos servizos públicos e os órganos e unidades da Administración” polo que tendo en conta a necesidade de garantir a defensa dos dereitos dos veciños, a lei establece un órgano no ámbito organizativo das Administracións Locais: a Comisión especial de Suxestións e Reclamacións, que debe ser creada polo Pleno.
A petición dos populares consiste en que esta comisión ten que estar formada por representantes de todos os grupos políticos que integran o pleno na mesma proporción que as comisións informativas, tendo esta comisión a potestade de supervisar a actividade da Deputación.