Venres 14 de xullo de 2023. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular seguen a percorrer a provincia visitando todos os municipios de Lugo para coñecer todas as reclamacións dos veciños de cada concello e onte estiveron en Sarria, onde comprobaron como o goberno provincial leva moito tempo sen realizar as oportunas reparacións nas estradas LU-P-4303; LU-P-5602 e LU-P-5701.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, e a vicevoceira provincial e voceira popular en Sarria, Carmen José López, percorreron as estradas titularidade da Deputación que están en peor estado e comprobaron como “na maioría dos casos os condutores non poden facer nada por esquivar as fochancas, correndo o risco de producir danos nos seus vehículos”, polo que instan ao goberno provincial a mellorar o seu estado corrixindo todas as deficiencias.
Os deputados populares fanse eco das reclamacións dos veciños sobre a estrada LU-P-5709 que precisa de melloras na súa seguridade xa que os vehículos circulan a velocidades moi elevadas, “polo que sería preciso estudar a colocación dalgún elemento que minore a velocidade dos coches”
Os populares, conscientes do extenso da rede viaria provincial, reclaman a Tomé que se tome en serio o mantemento das estradas provinciais e piden que se realice unha programación para corrixir paulatinamente as deficiencias presentes nas estradas provinciais de todos os municipios lucenses e así mellorar a seguridade viaria.