Ningunha organización ou entidade solicitou por escrito información ou permiso para a posible ocupación de espazos portuarios e que “as taxas están reguladas pola normativa, non se impoñen a libre albedrío”, din
Viveiro, 15 de xullo de 2023. O PP de Viveiro lamenta que “a alcaldesa socialista intente tapar a súa falta de xestión e previsión con respecto á celebración da XXIV Festa da Merluza de Celeiro arremetendo de novo contra Portos de Galicia”. Para os populares “o que ten que facer a alcaldesa é xestionar, tramitar, falar, reunirse e ter a dilixencia e tacto político necesarios para acadar os resultados e obxectivos que precisan os organizadores desta festa. Solucionar e non complicar”, remarcan.
A voceira do Grupo Municipal Popular, Mariña Gueimunde, aclara que “ningunha organización ou entidade se dirixiu por escrito a Portos de Galicia nin á Confraría de Celeiro solicitando información ou permiso para a posible ocupación de espazos portuarios”. Así mesmo, apunta que “as taxas da Administración están reguladas normativamente e non se poden impoñer a libre albedrío”. Neste caso, as taxas aplicables -segundo a Lei de Taxas 6/2003- se corresponderían coa tarifa E-2 de ocupación non portuaria cun custo de 0,1053 €/m2; é dicir, que unha carpa de 1.000 m2 tería un custo de 105 €/día. Polo tanto, pregúntase se “esta é unha taxa abusiva e desmesurada, como dixo a rexedora socialista”.
Ao PP de Viveiro cónstalle a boa disposición de Portos para poñer a dispor unha explanada no peirao norte para a instalación da carpa, “mais o Concello de Viveiro e a súa alcaldesa optan pola polémica e a confrontación veciñal contra a administración coa que logo terá que traballar se é que lle interesa algún proxecto para Viveiro. Salvo que xa teña decidido seguir na mesma tónica de distanciamento”, se preguntan.
TRABALLAR MÁIS E MELLOR POLAS FESTAS DE TODOS
O Partido Popular de Viveiro entende que “a alcaldesa, con alma de oposición, apostilla con mentiras e falsas afirmacións nos diferentes medios de comunicación que a Festa da Merluza non se celebra no peirao porque Portos de Galicia o impide” en lugar de “desfrutar da festa de todos e da que Celeiro, Viveiro e o sector nos sentimos orgullosos”. Esta é a XXIV edición dunha festa consolidada e declarada pola Xunta de interese turístico de Galicia, que conta coa colaboración da propia Xunta de Galicia e da Confraría de Pescadores, ademais doutras entidades públicas e privadas.
O PP de Viveiro insta á alcaldesa a “traballar máis e mellor para potenciar estas festas gastronómicas e deixar de arremeter contra as administracións que non son da súa cor política co único obxectivo de desviar a atención do seu nulo bagaxe tramitando iniciativas”.
NAVE REHABILITADA PARA USOS PORTUARIOS E PESQUEIROS
Os populares explican tamén que a nave onde se celebraba esta festa foi rehabilitada. O sector pesqueiro solicitou a Portos de Galicia a construción dunha moderna nave adaptada ás necesidades reais da frota celeirense. Portos de Galicia concedeu á Confraría de Celeiro a concesión administrativa de ocupación de dominio público portuario para fins e usos previstos como actividade de explotación portuaria. A nova nave púxose en funcionamento recentemente para usos portuarios e pesqueiros como nave de redes e compartimentada. Na actualidade, a instalación está sendo utilizada por varias empresas pesqueiras que usan a mesma para as súas actividades profesionais.