José María Fernández pide á alcaldesa de Trabada máis preocupación polo estado no que está esta zona de xogos e a adapte ás necesidades dos rapaces e que a dote dos elementos de protección necesarios para garantir que poden xogar con total seguridade
Trabada, 31 de xullo de 2023. O Grupo Municipal do PP de Trabada faise eco das numerosas queixas de nais e pais de rapaces do municipio que denuncian o estado no que se atopa a zona de xogos infantil, tendo o seu mellor exemplo na tirolina que se instalou hai anos e que “a día de hoxe non pasou ningún tipo de mantemento, tendo que solucionar unha avaría que tivo un dos pais dos nenos que alí xogan”.
O voceiro municipal popular José María Fernández explica que nas últimas semanas foron moitas as queixas recibidas polo estado no que se atopa esta zona de xogos, sendo a zona da tirolina “perigosa para os pequenos” xa que onde está instalada non hai ningún tipo de elementos de protección nin acolchados no chan polo que cando caen, os rapaces baten directamente contra terra e pedras.
José María Fernández recorda que esta tirolina non recibiu ningún traballo de mantemento, sendo un dos pais dos rapaces que alí xogan o que tivo que reparar un problema que xurdiu nesta infraestrutura para que puidesen seguir xogando.
Ante esta situación, dende o Grupo Municipal do PP de Trabada piden á alcaldesa Mayra García que se preocupe do estado no que está esta zona de xogos e a adapte ás necesidades dos rapaces e que a dote dos elementos de protección necesarios para garantir que poden xogar con total seguridade.