O Grupo Municipal Popular roga ao goberno bipartito “que se poña a traballar a prol dos veciños de Burela e que se deixe de facer fotos e posados”
“Xa había semanas, e incluso meses, que algúns pais denunciaran o mal estado dunha das instalacións da zona de xogos do parque pola inseguridade que supuña para os pequenos; pero non foi ata agora, en plena campaña estival, cando se tomaron medidas que chegaron da man da Policía Local”, explican os populares. De feito, “onte moitos pais e nais de rapaces que disfrutaban do seu tempo de lecer, viron como a Policía Local, ante as queixas dos pais e nais, valaba unha nova zona de xogos por mor da súa inseguridade”. Aínda así, os populares cren que esta é unha medida de emerxencia que se podería ter evitado de actuar con previsión.
A pesar da sinalización na zona de calistenia advertindo de que non é unha instalación para persoas de menos de 1,40 metros; xa se teñen producido incidentes o que demostra que non a súa ubicación nas inmediacións das zonas de xogo infantís non era a máis axeitada. Ademais, os teléfonos de contacto ante calquera incidencia non se correspondían cos servizos do Concello.
En definitiva, “os pais e nais non paran de queixarse da falta de control que está a ter a nova alcaldía ante incidencias que se producen no parque Rosalía de Castro”.
Dende o Grupo Municipal Popular “rogamos ao goberno bipartito que se poña a traballar a prol dos veciños de Burela e que se deixe de facer fotos e posados”.