Os populares din que probablemente haberá que incluír na ordenanza que regula o uso das praias de Barreiros a prohibición de pasear ou tomar o sol dentro dunha franxa de seguridade ao pé do acantilado de San Bartolo
Á vista de que o goberno local non dá pasos para que sexa posible reabrir os accesos a esta praia, o portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, anuncia que se presentará unha moción para que os responsables do Concello saian da súa zona de confort e se poñan mans á obra para solucionar o problema. “Non se pode perder máis tempo, o Concello ten que pedir asesoramento técnico para adoptar as medidas de seguridade máis adecuadas”, sinala.
Os concelleiros populares tamén consideran necesario que o Concello terá que recoller con claridade, na ordenanza que regula o uso das praias de Barreiros, que o público non poderá aproximarse a menos dunha determinada distancia de seguridade ao acantilado de San Bartolo.
Gómez Puente recorda que a de San Bartolo é unha das praias emblemáticas de Barreiros, no entorno urbano o que propicia que sexa moi concorrida por veciños e turistas, con varios locais de hostalería que se ven afectados polo peche da praia.
Os populares anunciaron que ían facer unha oposición crítica pero construtiva, a favor dos intereses dos veciños de Barreiros, polo que vémonos na obriga de recordar que “goberno local deixou pasar o tempo sen facer nada, dende o 2021, para solucionar o problema producido polos derrubamentos. Tanto a alcaldesa como o seu equipo teñen que poñerse a traballar para adoptar as medidas de seguridade precisas para acondicionar os accesos e reabrir a praia de San Bartolo”, finalizou.