Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Lourenzá mantén as mesmas dedicacións e os salarios do mandato anterior

Lourenzá, 14 de xullo de 2023. No pleno da corporación municipal de Lourenzá celebrado na mañá de hoxe, venres, aprobáronse as dedicacións da alcaldesa, Rocío López García, e do tenente de alcalde, Javier Huertas Otero, que son as mesmas e con iguais salarios que no mandato anterior: 3.228 euros brutos mensuais para rexedora pola súa dedicación exclusiva; e 1.614 euros brutos mensuais por unha dedicación parcial do 50 por cento da xornada para o primeiro tenente de alcalde, que ademais é concelleiro delegado de Obras, Urbanismo, Infraestruturas, Tráfico, Comercio e Participación.

As demais delegacións son: Educación, Cultura, Normalización Lingüística e Festexos para Manuel Arango Ron; Benestar Social, Sanidade e Igualdade para María Mercedes Dengra Sixto; Medio Ambiente e Desenvolvemento Rural para Mario Leitón Ramallal; Xuventude e Turismo para Sonia Gavino Reigosa; e Deportes para Francisco Javier Suárez Vázquez.

Tamén se fixou, por unanimidade, a periodicidade e o horario das sesións plenarias, que se celebrarán os terceiros xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro ás 11:00 horas.

Ademais neste pleno aprobouse unha moción do grupo municipal socialista para reivindicar o servizo de pediatría no centro de saúde de Lourenzá. A esta moción engadiuse algunha achega feita polo grupo municipal do BNG e aprobouse por unanimidade dos tres grupos que forman a corporación. O acordo consensuado vaise trasladar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e tamén aos Concellos de Barreiros e Mondoñedo.  Neste sentido tamén se está levando a cabo unha recollida de firmas en distintos establecementos do municipio co obxecto de apoiar e reivindicar o servizo de pediatría ao que todos os nenos e nenas de Lourenzá teñen dereito, manifestou a alcaldesa.

Exit mobile version