“Lamentamos que o Partido Popular comece o mandato cunha actitude hostil na que descalifica á alcaldía e á tenenta de alcaldesa como “prepotentes” e manipula información á súa convenencia, mais o goberno actuará dende o respecto”.
Pedimos á voceira do PP que deixe de terxiversar a información: evidentemente unha das primeiras decisións que hai que tomar é o reparto de áreas e as dedicacións, pois forma parte todo pleno de organización de goberno igual que acontece no resto dos concellos do País. Este goberno xa ten unha listaxe de tarefas marcadas co seu programa propio e con outros partidos, sobradamente anunciadas, e convidamos que o PP se sume á oposición construtiva. Poucos gobernos parten dun nivel de esixencia tan altos coma este.
A lei permite até 7 dedicacións para Viveiro, cun importe máximo de 58.000€ brutos anuais cada unha, a experiencia dos últimos anos confirma que dúas dedicacións non son suficientes, por iso acordamos nesta nova etapa de goberno un total de 4 dedicacións exclusivas, o que suporá dispoñer de 4 persoas a tempo completo para sacar o traballo adiante, pero cuxos soldos non superan o custe económico de 3 dedicacións, ou o que é o mesmo, o cómputo total de soldos, 136.700€ serían case equiparables a 2 dedicacións exclusivas cobrando o máximo permitido, que serían uns 116.000€.
Pode considerarse unha irresponsabilidade argumentar que pagar os soldos de 4 persoas traballadoras serven para endebedar o concello e máis argumentar que non están xustificados, cando todas as persoas que conforman o goberno teñen asigandas áreas que xestionarán, dos 8 concellales que forman o goberno bipartito, só a metade cobrará, as outras 4 persoas concelleiras que xestionarán Cultura, Medio Rural, Turismo e Deporte non contarán con asignación económica.
Se temos en conta Concellos similares en habitantes a Viveiro, a media de dedicacións son 4, por exemplo Vilalba con 13.800 habitantes terá 2 exclusivas e 4 parciais por valor de 139.000€, Sada con 16.000 habitantes, 7 exclusivas por valor de 222.000€ ou Noia, con 14.000 habitantes conta con 4 exclusivas e 1 parcial por valor de 146.000€.
Tomando como referencia os 3 concellos coas poboacións máis similares ás de Viveiro e outros 3 concellos da provincia similares, o goberno de Viveiro supón, con ampla diferenza, o de menor custe por habitante coa excepción de Monforte, onde o alcalde cobra da Deputación.
En todos os concellos de Galiza, houbo que facer unha modificación do orzamento, é unha operación dentro da normalidade, pois o feito de realizarse as eleccións municipais na metade do ano, fai que o orzamento non tivera previsto os soldos das persoas que se incoporan ao goberno e sendo necesaria unha modificación das partidas para asumir o importe, isto é o que traslada a intervención no seu informe. Tildalo de “demoledor” supón non coñecer o funcionamento do orzamento.
En definitiva, consideramos que é unha remuneración adecuada e que garantirá unha xestión pública efectiva, responsable, e comprometida co interese xeral da sociedade e que demostraremos durante o vindeiro mandato.
“Agardamos que tanto Partido Popular como Por Viveiro, apoien os acordos aos que chegamos o goberno, pois son sensatos, deberán dar a oportunidade de demostralo e exercer a súa capacidade de fiscalización dende unha oposición construtiva e en positivo durante o vindeiro mandato”