O Concello organiza tres xornadas de contos no parque Pernas Peón, que en caso de choiva pasarían ser na Sala Multiusos do Concello
Viveiro, 11 de xullo de 2023. O Concello de Viveiro organiza unha nova edición da Ruada de Contos, un evento xa consolidado no verán para a cativada viveirense.
Con esta iniciativa, o Concello busca, en palabras da concelleira Lara Fernández, “poñer en valor un sitio tan emblemático e tan bonito como é o parque Pernas Peón”, onde terán lugar os contacontos. En caso de choiva, serán na Sala Multiusos do Concello.
A Ruada de Contos desenvolverase ao longo de tres xornadas, sempre no parque Pernas Peón. A primeira será o xoves 20 de xullo ás 19:30, na que Inventi Teatro representará ‘As palabras perdidas’.
A segunda xornada será á semana seguinte, o xoves 27 de xullo, tamén ás 19:30. Será a quenda de ‘RillaRilla’, a cargo de Xarope Tulú. Finalmente, a Ruada de Contos rematará o xoves 10 de agosto ás 19:30 con ‘As Minas do rei Salomón’, de Ghazafelhos.
“Esperamos que a edición deste ano sexa do agrado da cativada de Viveiro”, indica Fernández.