Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela vén de izar a bandeira azul da praia da Marosa, que contará con dous socorristas e un técnico sanitario

Burela, 8 de xullo de 2023. O Concello de Burela vén de izar a bandeira azul da praia da Marosa, que contará con dous socorristas e un técnico sanitario. A praia do Portelo e Cabaliño disporán tamén dun técnico sanitario e continúase na busca de persoal cualificado para atender o servizo de socorrismo destes areais.

A alcaldesa, Carmela López, declarou que “o meu deber é ser áxil e dar solucións aos problemas dos veciños e veciñas. A Xunta concede axudas para a contratación, pero chegan tarde, xa que se notificaron a mediados de xuño. Ata ese momento non se anuncia a oferta de emprego nin se pode iniciar o proceso selectivo. O INEM non consigue enviar candidatos/as para cubrir a oferta porque non hai. Os socorristas a esas alturas xa están contratados porque este formato obriga a que os Concellos teñamos que tomar a decisión de ir por outro camiño e ter que renunciar ás subvencións da Xunta”.

A rexedora dixo que “con moi pouco tempo de reacción -recordamos que a toma de posesión foi o 17 de xuño- e sendo a primeira vez que lidio con este problema como alcaldesa e con poder de decisión, traballei co equipo de técnicos dando a mellor solución que temos hoxe na man. Por suposto, a estratexia para o 2024 seguirá un plan diferente ao marcado pola Xunta, xa que é evidente que non funciona e así está quedando patente en toda Galicia. Empregaremos recursos propios para contratar se é preciso, co afán de ter unha estratexia sólida para garantir un bo servizo de socorrismo para os nosos veciños e veciñas”.

Carmela López subliñou que “soamente izamos a bandeira azul da Marosa, pero isto é unha anécdota. Aos nosos veciños e veciñas non lles importan os galardóns, o que queren é ter seguridade nas praias. O que nos preocupa realmente é conseguir que o servizo de socorrismo no noso concello funcione e para isto, unha vez máis, a Xunta non nos tende a man”.

Exit mobile version