A visita á Fundación Eu Son foi moi entrañable e, unha vez máis, clarificadora da importancia de actuar a favor daquelas persoas que máis o necesitan. En palabras do candidato por Sumar, “o benestar social é unha obriga e debe ser unha prioridade das e dos dirixentes”.
Tanto as persoas responsables como as usuarias do Centro de dita Fundación comentaron temas de vital importancia para a súa supervivencia, como son a firma e a posta en marcha dun concerto social axeitado e estable paralizado desde o 2010, o inicio da construción do novo Centro Asistencial e o establecemento de prazas concertadas, así como a análise dunha nova estrutura de axudas para a subvención do transporte.
Rodríguez Añón expresou o seu convencemento de que “no tema da subvención do transporte, a Xunta debería deixarse asesorar pola xente deste tipo de Centros porque son persoas con capacidades, entregadas á acción social e que teñen unha mellor visión da problemática existente”.
Por outra banda, a reunión coa xente do mar de Burela foi moi construtiva.
Ademais dos problemas xa estruturais da pesca, en Burela visibilízanse principalmente dous, relacionados coa falta de rigor na elaboración de normativas por parte da Unión Europea que regulen de forma estable o sector, e as relacionadas co ámbito social e laboral, centradas especialmente na falta de man de obra especializada. No tocante ao tema laboral, o candidato por Sumar manifestou: “non debemos esquecer que estamos ante un sector crucial para o benestar social e o futuro da Mariña, polo que é necesario desenvolver iniciativas de formación e incentivación para recuperar man de obra cualificada no sector”.