Lugo, 24 de xullo de 2023. O grupo provincial do BNG reclama á Xunta de Galicia que cese na súa estratexia de impedir a recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba, despois de máis dun ano de obstáculos ás iniciativas impulsadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo en relación con este ben patrimonial.
A forza nacionalista reproba a actuación do goberno galego nunha moción que presentará no vindeiro pleno provincial, o 26 de xullo, e na que lembra que a Xunta de Galicia está a bloquear un proxecto de consolidación da Torre e o seu rexistro como propiedade pública.
O BNG considera que a sucesión dos feitos este último ano constata que “a Xunta de Galicia e o Concello de Cospeito non teñen ningún interese na Torre de Caldaloba e que, ademais, queren impedir que outras administracións, que si teñen interese, o fagan”.
“Só así se explica que habendo recursos e vontade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para realizar un proxecto de recuperación e posta en valor deste ben patrimonial se dediquen a poñer obstáculos sen dar ningunha explicación”, expuxo a deputada e responsable de Cultura, Iria Castro, que lamentou que “o PP manobre desde Xunta de Galicia e Concello para demorar un proxecto que dinamizará cultural e economicamente o concello e a comarca, mentras segue avanzando o deterioro de edificio”.
Ante o preocupante estado de conservación da Torre e o desleixo de Xunta de Galicia, o pasado verán a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tomou a iniciativa para incorporar o edificio ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de consolidación, recuperación e posta en valor do edificio, declarado BIC.
Tras chegar a un acordo coas persoas propietarias, a institución provicial adquiriu a parcela na que se ubica a metade da edificación – a correspondente as fachadas noroeste e suroeste – e o sistema de fosos e contrafosos defensivos, o que supón preto de 2 hectáreas de terreo.
A compra aprobouse nun acordo da Xunta de Goberno da Deputación de Lugo o 29 de xullo de 2022 e ratificouse coa inscrición da compra e venda en documento público o 21 de outubro do 2022.
A Xunta de Galicia anunciou naquela data que exercería o dereito de retracto que lle outorga a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, mais nove meses despois non materializou o anuncio.
O goberno galego tamén bloqueou as obras de consolidación que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tiña proxectadas na Torre, negando á institución provincial a autorización para executar os traballos dirixidos a conter o deterioro na edificación e asegurar o seu entorno máis inmediato.
A Vicepresidencia da Deputación solicitara o permiso para realizar as obras o pasado 23 de febreiro. A Xunta de Galicia negouno a través do silencio administrativo, ao deixar transcorrer o prazo de tres meses sen pronunciarse.