“Pero a Daniel Vega interésalle máis pintar unha situación dramática para acentuar a sensación de que están a facer algo, ou disimular mentres el e o seu equipo van aterrando no labor de goberno. Agora toca comprobar que non é o mesmo predicar que dar trigo”.
Non é certo que non se fixesen investimentos no auditorio nin nas escolas. Non é certo que non se atenderan as necesidades dos parques infantís. Outra cousa é que todo, ao mesmo tempo, non se pode facer. Xa o irán aprendendo o señor Vega e o seu equipo.
No auditorio (mediante convenios coa Deputación) fixéronse varios investimentos. No mandato 2009-2013 dedicáronse 54.000 € para reparación de cuberta e climatización. No mandato 2015-19, investíronse máis de 135.000 € para selar as terrazas exteriores e solucionáronse importantes problemas de filtracións derivados do seu deseño errado: un teito plano non é a solución ideal para Galiza. E neste último mandato 2019-23 actuouse sobre o seu sistema de ventilación para poñer coto ás humidades que xeraba, ademais de renovar a tremoia. Non houbo abandono. Outra cousa é que o seu deseño defectuoso poida seguir xerando problemas por moito que se fagan investimentos parciais nel. Xa o iremos vendo ao longo do mandato. En todo caso, fai falta unha solución integral que excede a capacidade económica do concello de Ribadeo.
En canto aos parques infantís, ao remate do mandato 2015-19 abordouse unha reforma integral do parque de San Francisco por valor de 136.000 € (con labores posteriores de mantemento e mellora no ano 2022). Ao longo de ditos anos houbo investimentos diversos en parques por valor de: ano 2016, 17.000 €; ano 2018, 32.000 € e ano 2019, 30.000 €. No ano 2020 procedeuse á reforma do parque infantil de Rafael Fernández Cardoso, cun investimento duns 50.000 € a través dun convenio coa Deputación de Lugo. Pódelle parecer pouco; pero diso, pasar a dicir que non se fixo nada e todo está en estado de abandono é unha esaxeración. Xa nos tiña moi acostumados na oposición. Vese que non perdeu o costume. Os parques hai que mantelos. E se agora lle toca a vostede repoñer unha arañeira nun dos parques ribadenses, pois terá que facelo, que para iso goberna.
Polo que respecta ás intervencións nos locais e instalacións das parroquias o investimento por parte do Concello de Ribadeo e da Deputación foi de perto de 260.000 € en obra xa rematada (Cedofeita, Ove, Rinlo, Arante e Covelas) e 240.000 € en intervencións que se están executando e que se van rematar ao longo do ano. Obviamente, vostede pode extremar o celo e considerar como situación calamitosa unha bisagra que rinche. A ver se o vemos abrindo e pechando todas as ventás e todas as portas de todas as instalacións municipais para poder esaxerar sobre o seu estado! Pero gobernar é algo máis ca iso, “señor Vega. Fágase á idea e póñase a traballar en serio!”.