Mondoñedo, 12 de xullo do 2023. O BNG de Mondoñedo lamenta a permisividade coa que actúa o goberno municipal dentro do espazo público, critican que non se cumpra a sinalización de prohibido aparcar máis aló das tres da tarde e instan ao alcalde, Manuel Otero, a que leve a cabo cantas medidas sexan necesarias para evitar o uso da alameda como aparcadoiro municipal.
O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, considera absolutamente necesario que o goberno municipal recupere este espazo histórico da cidade para as persoas e que a veciñanza poda pasear libremente e de forma segura pola alameda.
“A alameda debe ser un lugar seguro de paseo, ocio e esparexemento dos cidadáns e o perigo da situación actual agrávase aínda máis nas inmediacións do parque infantil pola presenza dos nenos e nenas que acoden á zona de xogo”.
Para os nacionalistas non pode ser que se empregue como aparcadoiro este espazo público cando hai unha alternativa perfectamente viable a uns 100 metros de distancia no Parque dos Paxariños.
Eloi Cabanas pide dignificar e coidar a alameda xa que considera que o estacionamento tamén orixina un deterioro no patrimonio público e denuncia que non é un caso illado na cidade onde poden observarse mostras similares de abandono noutras zonas do casco, “o novo aparcadoiro da Travesía Casas Novas, onde os vehículos estacionan nas zonas verdes ou na Praza do Seminario onde os coches estacionan en liña por diante de toda a súa fachada incumprindo a ordenanza municipal de tráfico son exemplos claros do desinterese co que actúa o goberno municipal nestes casos”.
Por ornato público, o BNG pídelle ao goberno que se centre en desenrolar unha cidade habitable e planifique un modelo alternativo que non estea pensado exclusivamente para os coches.