O ala-pívot zamorano provinte do KS Constract formará parte da plantilla do Pescados Rubén Burela FS a próxima tempada
Moi emocionado pola súa incorporación á plantilla burelá, Malaguti afirma que “o que máis me atraeu de fichar polo Burela é que é un equipo familiar, un equipo con moita historia que estivo en Primeira División moitos anos, cun equipo feminino que é o mellor de Europa e do mundo e estar nun club tan serio como Burela chama a atención a calquera xogador. Cando eres profesional queres estar nos mellores. Desde que estou centrado no fútbol sala sigo ao Burela e sempre tes a cousa de “algún día xogarei alí” e ao final foi a sorte este ano. Ten unha afección incrible, un club familiar e dixéronme que o pobo é pequeno pero moi bonito e que se está superben”. Sobre as súas espectativas “espero levarme unha experiencia incrible, como che digo creo que é un club no que todo o mundo quere xogar, esperemos que este ano cumpramos os obxectivos marcados polo club e, pola miña parte, esperemos que non sexa un ano e sexan moitos. Espero achegar todo o posible, o que eu son, a miña personalidade e carácter así como axudar ao equipo tanto en defensa como en ataque, en todos os aspectos e estar ás ordes do adestrador e facer o que me pida. Tentar poñer ao club onde se merece, é un club que debe estar en Primeira División e tentaremos loitar para iso”. Consciente da importante afección que forma parte deste club, anímaos a continuar apoiando ao equipo coma sempre, “dicirlles que nos apoien como ata agora. Vin partidos, como o final do playoff, que non foi moi xusto pero a afección foi incrible, acolledora, imos dar todo por eles e levar ao club onde se merecen. Imos dar o máximo”.
O Presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, confía nesta nova fichaxe “vai reforzar moito a plantilla, traeranos maior amplitude en ataque, esperamos que veña con tino e nos axude a incrementar a lista de goles para o equipo esta tempada. Xogou en equipos de gran nivel, vén de gañar a liga polaca en Primeira División e sabemos que se vai a adaptar enseguida”.