Viveiro, 14 de xullo, 2023. O día de onte foi unha xornada de intensas e frutíferas reunións e encontros para o noso candidato de Sumar pola provincia de Lugo, José Antonio Rodríguez Añón.
Rodríguez Añón mantivo pola mañá unha reunión con representantes do grupo Porto de Celeiro, na que se debateron ideas e propostas con José Novo e Eduardo Míguez, Presidente e Adxunto á Dirección de Porto de Celeiro, respectivamente. O candidato de Sumar comprometeuse a trasladar e defender onde sexa preciso as principais reivindicacións deste colectivo, tan esquecido nas políticas pesqueiras nacionais e autonómicas, co fin de perseguir un futuro esperanzador e sostible para o sector da pesca.
Posteriormente Rodríguez Añón tivo unha xuntanza moi amena e construtiva cos e coas responsables da asociación Aspanane. Durante a reunión a directiva e a xerencia de dita asociación trasladáronlle ao candidato de Sumar a que foi súa principal demanda durante estes últimos anos: a necesidade urxente da construción dun centro asistencial, que final e tristemente non se realizará no concello de Viveiro, senón en Xove.
Desde Sumar proclamamos que unha sociedade que non aposta por axudar a quen necesitan un trato máis amable e cercano non ten futuro. En Sumar poñemos no centro os dereitos das persoas máis vulnerables; ninguén pode quedar atrás no avance dunha sociedade cara o estado do benestar, polo que a cidadanía debe ser consciente de que hai determinadas necesidades que precisan ser cubertas e atendidas con sensibilidade e dilixencia e con carácter prioritario.
Como colofón a este proveitoso día e despois de percorrer a cidade de Viveiro con compañeiras e compañeiros da formación e coa súa familia, José Antonio acudiu á mesa redonda celebrada no Concello de Viveiro sobre «Feminismo e inmigración, desmontando bulos, defendendo dereitos».
Desde Sumar “sempre imos impulsar un feminismo aberto, dialogante e integrador, que amplíe dereitos para todo o mundo, o feminismo beneficia á sociedade no seu conxunto. Cómpre unha transformación que permita que cada muller poida vivir con plena igualdade e dignidade. O feminismo é a ferramenta que permite derrubar barreiras e construír un futuro de equidade e xustiza para todas as persoas.”