Besteiro insistiu na defensa “do mellor Lugo” na axenda política estatal: “Nós que somos de Lugo e que nos debemos á veciñanza dos 67 concellos desta provincia, só atendemos a un obxectivo: facer lucensismo en Madrid”
Lugo, 3 de xullo de 2023. O Partido Socialista da provincia de Lugo presentou esta mañá nun almorzo informativo a súa candidatura ás vindeiras eleccións xerais, mulleres e homes cun obxectivo claro, a defensa de Lugo na axenda política estatal: “Queremos que a nosa provincia siga sendo a prioridade que foi durante o Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou Gómez Besteiro.
Besteiro estivo acompañado por Patricia Otero, Eduardo Vidal e Gloria Prada, cos que encabeza a lista ao Congreso, e César Mogo, que lidera a lista ao Senado, seguido de Marina Ramudo e José Fernández, ademais dos suplentes. E contou co apoio da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do presidente da Deputación, José Tomé, que tamén interviron na presentación.
O cabeza de lista ao Congreso asegurou que “o reto do 23 de xullo é avanzar ou retroceder e só hai un voto útil: o Partido Socialista. E hai un voto inútil: o PP”. Besteiro lembrou que sempre que goberna a dereita, Lugo perde “porque Feijóo sáelle moi caro a esta provincia”. Nesa liña, explicou que nestas eleccións hai en xogo “un Goberno que impulsa o progreso fronte a unha dereita destrutiva”, ao tempo que defendeu o protagonismo de Lugo en Madrid: “Nós que sentimos o orgullo de ser de Lugo e que nos debemos á veciñanza dos 67 concellos desta provincia, só atendemos a un obxectivo: facer lucensismo en Madrid, e seguir defendendo os intereses dos nosos veciños e veciñas”.
Os avances económicos e sociais pese á dereita
O cabeza de lista ao Congreso lembrou que foi Pedro Sánchez quen rescatou a Lugo do caixón no que o metera o PP: “E podo dicilo porque a provincia beneficiouse do maior aumento das pensións na historia da democracia, a suba do salario mínimo, o freo aos prezos da luz, dos alimentos e dos combustibles ou as axudas a autónomos, empresas e familias na pandemia”. Melloras sociais aprobadas, denunciou, pese ao voto en contra da dereita de Feijóo que, como non, “négouse tamén ao imposto ás grandes fortunas”.
Besteiro salientou que o Partido Popular non foi o único que votou en contra destas medidas: “O BNG non votou a favor do incremento das pensións, da bonificación do combustible ou da reforma laboral. Botámolos de menos”. E incidiu en que “non é momento de dispersar o voto porque só beneficia á dereita”.
Investimentos do Goberno de Pedro Sánchez en Lugo
Nun contexto complexo -pandemia, volcán e guerra- o candidato socialista destacou que o Goberno de Sánchez desbloqueou proxectos esenciais para a provincia como a estación intermodal de Lugo -con 26 millóns de euros xa adxudicados-; destinou máis cartos para acelerar as autovías a Santiago e a Ourense; tamén para a mellora da conexión ferroviaria con Ourense; ou para os avances nas conexións por estrada na Mariña co inicio da autovía A-74. “É dicir, reactivou todos os proxectos que o PP tiña con teas de araña”. Os datos están aí, insistiu, “cando gobernan os socialistas, Galicia e Lugo son prioridade. Boa proba disto é que “en cinco anos, Galicia recibiu 10.280 millóns de euros máis que nos últimos cinco anos do goberno de Rajoy”.
A lista de feitos é longa: “Os pensionistas, que son 1 de cada 3 lucenses, cobran hoxe con Pedro Sánchez 200 euros máis cada mes do que cobraban co PP no goberno central. E Sánchez apoiou o proceso de negociación de Alcoa en San Cibrao, preservando o emprego e a industria na provincia. Grazas a el podemos estar falando de fondos europeos para industrias en Lugo. E a protección do sector primario, tan relevante en Lugo, tamén estivo na súa axenda, con axudas e fondos europeos para os sectores agrícolas, lácteos, gandeiro e pesqueiro”.
Así mesmo, salientou “a experiencia, fiabilidade e a unión dos socialistas da provincia fronte “aos espectáculos do señor Rueda en Ourense e Pontevedra, onde os do PP están a matar. Ou mesmo en Lugo, onde a cidadanía apartounos das institucións cando presumían de que ían telo todo”. É dicir, “parecen non coñecer o conto da leiteira”, ironizou.
Por último, advertiu que un goberno do “PP e Vox, que son o mesmo, farán que teñas menos dereitos por falar galego, por ser muller, por ser gay, por ser un traballador ou por non ser de Madrid… Xa non é un tema de economía… o 23 de xullo trátase de loitar polo teu dereito a existir, a ser e a ter liberdade”.
O almorzo informativo tivo lugar no Hotel Mercure da capital, impulsado por un emprendedor de Lugo que obtivo fondos europeos captados polo goberno de Pedro Sánchez.