O cabeza de lista popular ao Congreso por Lugo lembrou que o programa electoral presentado por Feijóo inclúe 365 medidas para a reconstrución económica, social e institucional, a aplicar mediante grandes pactos de Estado tras escoitar á sociedade, ao tecido industrial, ás pemes e aos autónomos
Na súa intervención, lembrou que o programa electoral presentado por Feijóo inclúe 365 medidas para a reconstrución económica, social e institucional, a aplicar mediante grandes pactos de Estado tras escoitar á sociedade, en xeral, e ao tecido industrial, ás pemes, aos autónomos… Para que España teña o crecemento estable que precisa son necesarias, sinalou o candidato, políticas que xeren confianza nos empresarios para que invistan.
Dentro do programa do PP, Conde destacou catro grandes obxectivos: o impulso dunha economía baseada no talento, na innovación e no coñecemento; a creación de emprego de calidade para todos; o control do déficit e da débeda e redución da presión fiscal; a reindustrialización da economía, facendo un mellor uso dos fondos europeos.
O popular criticou a retención polo Goberno central dos fondos Next Generation para a industria galega. Apuntou así que o Goberno recibe 42.000 millóns de euros da UE para acelerar a transformación industrial e ten comprometidos menos do 25%. Responsabilizou a Pedro Sánchez de penalizar a Galicia na actual planificación eléctrica, así como a incapacidade do Executivo para adoptar medidas que permitan á industria con gran consumo de enerxía contar cun prezo competitivo e estable. Afeou ao Goberno a incapacidade para impulsar a eólica mariña.
A cabeza de lista do PP ao Congreso destacou que Galicia recuperou no ano 2022 o nivel do PIB da prepandemia e que acaba de rexistrar o mellor primeiro cuadrimestre da historia en canto ás exportacións, con 9.676M€. Por outra banda, o Índice de Produción Industrial (IPI) de Galicia no que vai deste ano tamén medrou, concretamente un 6,2%. Lembrou que na provincia de Lugo, no primeiro semestre deste ano, constituíronse 216 empresas, máis dunha ao día. Estes datos, e outros tamén positivos para Galicia, son o resultado “dunha política útil que agora queremos trasladar a España da man de Alberto Núñez Feijóo, da persoa que mellor coñece a Xunta, tras 13 anos como presidente”.
Conde fixo repaso dalgúns dos proxectos industriais e de impulso industrial desenvolvidos pola Xunta, como é o caso do Polo Aeroespacial de Rozas -o máis importante de España-, con investimentos de máis de 300 millóns de euros neste momento. Na Ribeira Sacra, destacou Indukern (Monforte de Lemos), e puxo de relevo os sectores lácteo e cárnico. Dixo que a Xunta de Galicia colabora decididamente para conseguir un Lugo industrial; e para poder mirar ao futuro con optimismo, a capital e a provincia precisan políticas de Estado adecuadas, como as que propón Alberto Núñez Feijóo. “Unha España mellor supón un Lugo mellor: todos os éxitos que atesoura Galicia foron desenvolvidos con Feijóo, o que dá unha idea clara de cal será o resultado de aplicar as políticas testadas en Galicia como políticas de Estado”, subliñou Conde.
O candidato ao Congreso destacou tamén que este ano se aprobaron os orzamentos máis altos da historia da Xunta de Galicia, polo que a Comunidade dispón de máis de 1.400M€. Manifestou que se impulsou a axilización da tramitación administrativa, para o que é decisiva a Lei de Simplificación, así como servizos da Oficina Galicia empresa; coa Lei de Áreas Empresariais e coa colaboración destacada dos 153 Concellos Emprendedores (24 na provincia de Lugo). Igualmente, aludiu á aposta polo coñecemento e a innovación e non esqueceu citar a Lei do Litoral.
BARREIRO: “MAIORÍA SUFICIENTE PARA GOBERNAR”
Pola súa parte, o candidato ao Senado José Manuel Barreiro sinalou que “estamos nun momento crítico para o futuro do país; a sociedade española viuse abocada a unha situación que xerou unha crise institucional tremenda, que contribuíu a que sen acentuase a crise social e, como consecuencia, unha crise económica que lastra o momento actual e o futuro deste país”.
Indicou: “Nós queremos dar resposta a esas tres crises. Un programa que trate de eliminar a tensión institucional, xerada de modo innecesario, motivada porque hai un presidente de Goberno que ten unha dependencia tremenda do independentismo; o independentismo, os que queren romper España, está marcando o destino do noso país. Isto non é comprensible nin en España nin en ningún país do noso entorno. Iso podémolo cambiar e por iso Alberto Núñez Feijóo apela a esa maioría suficiente para gobernar sen dependencia”.
Barreiro desmontou o relato dos socialistas no que din que a economía vai “como unha moto”. Manifestou: “A min paréceme que non, porque a realidade económica española non permite dicir iso. O Goberno actuou única e exclusivamente pensando no momento inmediato, como se non houbera un mañá e agora o futuro está hipotecado. O nivel de débeda está por riba do billón e medio de euros; este ano imos dedicar ao pago de intereses da débeda máis de 31.000 millóns de euros, máis do que dedica o Estado á cobertura dos servizos básicos”.
“Sendo grave isto, o futuro que temos é aínda máis preocupante. Na década dos 30 o pago dos intereses vai estar no entorno dos 60.000 millóns de euros, un 6% do PIB. É unha hipoteca dificilmente asumible, que vai lastrar o futuro se non se adaptan as medidas necesarias”, concluíu Barreiro.