Foz, 5 de xullo de 2023. O Concello de Foz iniciou a tempada estival con 17 profesionais no servizo de salvamento: 1 xefe de socorristas, 8 socorristas titulados e 8 auxiliares de praias conforman o equipo de vixilancia deste verán 2023.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira Kathy Alonso presentaron hoxe na praia da Rapadoira o equipo de salvamento para este verán 2023, o máis dotado dos concellos mariñaos, pero no que non se cubriron todas as prazas ofertadas. “Ofertábamos 20 prazas -12 de socorristas- e ata o momento cubrimos 17. É un problema recorrente ao que non se lle pon solución. Necesitamos que durante o inverno a Axencia Galega de Seguridade Pública organice cursos gratuítos ao longo do territorio enfocados a estudantes de carreiras ou ciclos formativos e adaptados aos seus horarios. Debemos ser conscientes de que o traballo de socorrista é estacional, hai que facilitar que máis xente obteña o título”, explica o rexedor municipal.
En base ao persoal dispoñible, o Concello de Foz anuncia que só izará a bandeira azul na praia da Rapadoira. Os areais da Rapadoira e Llas contan con servizo de salvamento de luns a venres de 13 a 19 horas e os sábados e domingos de 12 a 20 horas. As praias de Peizás e Pólas tamén contan con equipo de socorrismo, neste caso entre as 13 e as 19 horas de luns a venres e de 13 a 20 horas sábados e domingos; neste mesmo horario a praia da Areoura dispón dun auxiliar de salvamento.
Fran Cajoto destaca que “a prioridade do Concello de Foz é a seguridade dos areais e o coidado duns entornos naturais que contan cun gran número de servizos. Neste sentido, o Concello de Foz conta desde hoxe, mércores, con 7 operarios para a limpeza dos areais e o reforzo de limpeza viaria. Ademais, están abertos os baños situados nas áreas recreativas do Bispo Santo e Ponte de Ferro e nas praias de Fondás, Peizás, Pampillosa, Arealonga, Pólas, Xuncos, Areoura, Rapadoira e Llas. En todos eles faise unha limpeza diaria, a excepción de Rapadoira e Llas, que contan durante o verán con dúas limpezas ao día”. E o alcalde fai un chamamento para que “entre todos coidemos o entorno natural que son as praias, non deixando lixo e recollendo calquera desperdicio ao abandonar os areais. Quero informar tamén que o 17 de xullo se procederá ao cribado da area na praia da Rapadoira, unha vez remate o período de protección para a nidificación que establece a Xunta de Galicia para a píllara das dunas, especie catalogada como ameazada. Tamén quero recordar que as ordenanzas municipais establecen que ata o 30 de setembro non se poden baixar cans á praia a excepción da de Tupide, con sancións que van dos 50 aos 750 euros”.