A mostra pretende mergullar ós visitantes no pasado mariñeiro da nosa vila desde a emoción do relato da memoria colectiva do noso pobo, representada en cada unha das pezas recollidas. É unha homenaxe a todas as mulleres e homes que fixeron do mar o noso sustento e parte da nosa identidade.
Tanto a nosa asociación como o desenvolvemento desta mostra nacen da teima e o esforzo de Salustiano Alonso e Salustiano Niñe, que foron os responsables de ir xuntando aos poucos e ó longo dos anos o groso da colección da que poderemos gozar todos nós a partir deste venres.
A exposición é o punto de arranque co que a Sociedade Cultural A Rula, nacida no 2020, pretende botar a andar a súa folla de ruta para a recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial dun pasado vencellado co mar, que se atopa nun punto crítico, xa que todo esse coñecemento herdado esmorece un pouco máis cada vez que as voces autorizadas dos nosos maiores desaparecen. É por isto que queremos manifestar o noso agradecemento a todas e cada unha das persoas que colaboraron coa asociación na consecución deste proxecto, tanto na cesión de pezas e información sobre as mesmas, na axuda en traballos de recuperación, elaboración de materiais e un sinfín de suma de esforzos sen as que non tería sido posible chegar a bo porto.
A inauguración contará cunha visita guiada participada na que convidamos ós asistentes a que compartan o seu saber e os seus recordos con todos nosoutros, porque un patrimonio compartido é un patrimonio vivo.
A exposición “Somos mar” estará aberta, en visita libre, no horario de apertura do Cenima. Agardamos por todas e todos vós!