O cabeza de lista ao Congreso visitou o concello das Nogais, onde está en tramitación a instalación dun parque eólico
Daniel Castro explicou que, cun grupo galego forte, “o BNG traballará no congreso polo cambio de modelo enerxético no noso territorio, dando prioridade a un modelo de xeración e produción a menor escala, máis próxima aos centros de consumo”. O BNG defenderá tamén a creación dunha tarifa eléctrica galega, que considere, a través de redución nas peaxes do transporte, o papel de Galiza como nación excedentaria na produción eléctrica, compensando o impacto ambiental e social derivado da súa produción, “Actualmente as galegas e galegos estamos a pagar a luz máis cara do estado, mais ao mesmo tempo estamos producindo enerxía que é consumida no resto do estado”, explicou Daniel Castro.
O BNG defenderá no congreso a recuperación das garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos, rectificando as medidas incorporadas no RDL 20/2022 que permiten ás grandes enerxéticas decidir onde instalaren parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental e sen participación cidadá, o que fomentou un boom eólico depredador con proxectos que non están calibrados para o desenvolvemento social e económico do noso país e que coliden coa preservación da biodiversidade e dos usos económicos e sociais do territorio.
Debate electoral provincial
Daniel Castro convidou aos cabezas de lista dos principais partidos a manter un debate “e achegar á veciñanza as propostas que as distintas formacións defenderemos para a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños”. Castro afirmou que “as veciñas e veciños de Lugo teñen dereito a saber para que lles estamos pedindo o voto para o 23X, coñecer medidas reais para as persoas que vivimos na provincia de Lugo e non só mensaxes centralistas enviadas desde Madrid”.
Castro explicou que no Congreso se defenden “asuntos clave para o futuro de todas as persoas”, e afirmou que “as e os lucenses deben escoitar as opinións das forzas políticas e que compromisos defenderemos no Congreso”.