Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Castro “Muras é o modelo de xestión enerxética do BNG”

O candidato ao Congreso por Lugo visitou a vila Mariñá, onde destacou as accións levadas a cabo polo goberno do BNG

Lugo, 10 de xullo de 2023. O candidato do BNG por Lugo, Daniel Castro, visitou o concello de Muras, onde destacou “as accións realizadas nos últimos anos polo goberno do BNG”. Castro insistiu en que “o concello de Muras é o exemplo de que os gobernos do BNG benefician ás galegas e galegos”, e engadiu que “o modelo de xestión enerxética de Muras é un exemplo das políticas que desde o BNG defenderemos en Madrid cun grupo galego forte a partir do 23 de xullo”.

O concello de Muras foi o primeiro territorio galego que asumiu parte do pago do recibo da luz da veciñanza cos impostos procedentes dos parques eólicos situados no Concello. O candidato do BNG defendeu o establecemento dunha tarifa eléctrica galega baseada “nun modelo tarifario que abarate o prezo da electricidade e permita que ese ben publico reverta no desenvolvemento social e económico do país”. Galiza conta, dende hai décadas, cun papel produtor e está especializada na xeración de electricidade, polo que “é preciso defender o noso dereito a decidir sobre o noso propio modelo enerxético, contribuíndo á loita contra a crise climática”, explicou o candidato.

Castro puxo no centro a urxente necesidade de impulso do aforro enerxético, do descenso do impacto medioambiental e da soberanía enerxética, así como a aposta por unha política decidida de fomento das enerxías renovábeis e da redución do consumo de combustíbeis fósiles en todos os sectores.

Dende o Congreso, o BNG traballará tamén para “conseguir unha tarifa eléctrica galega, que nos permita converter a enerxía nun dereito social básico e garanta a nosa industria”, xa que “as galegas e galegos temos que ver compensados os custes medioambientais, ecolóxicos e sociais deste tipo de infraestruturas, que nos permitirán manter industrias como Alcoa e asegurar o futuro da comarca da Mariña”.

Exit mobile version