O candidato ao Congreso destacou o “importante traballo do BNG en Madrid para reclamar os dereitos pendentes a Lugo”
Lugo, 21 de xullo de 2023. O candidato do BNG ao Congreso, Daniel Castro, insiste en que o BNG traballará dende o Congreso dos Deputados para “poñer a Lugo no mapa das infraestruturas, despois de anos de abandono por parte do goberno do Estado e da Xunta de Galiza”. Castro engadiu que se trata de “infraestruturas que dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo e tamén ás mercadorías, o que permite fixar empresas e xerar emprego”.
“Se queremos desenvolvernos economicamente e que se xere emprego temos que contar cunhas comunicacións dignas para que a nosa provincia estea á altura das demais, obxectivo para o que o BNG traballa dende todas as institucións”, afirmou Daniel Castro, que lembrou as necesidades de Lugo co mantemento de outras vías de transporte como a conexión da A-8 con Ribadeo, a execución da A-74 e a A-54 ou a A-6, “en mal estado desde hai anos e agora, despois do derrubamento do viaduto, sen poder usarse integramente”.
O candidato do BNG destacou que os distintos gobernos do Estado e o Goberno do PP na Xunta “están quitándolle oportunidades a todas as veciñas e veciños de Lugo”, e fixo fincapé en que o Bloque “poñerá a Lugo no mapa das infraestruturas, garantindo a conectividade e con ela máis oportunidades económicas e laborais e tamén mellores condicións de vida”.
Para Daniel Castro a nosa provincia “é o mellor exemplo da necesidade que temos como país de ter mellares e máis infraestruturas do século XXI” para poder comunicarnos máis rápido e vivir dun xeito máis cómodo. Por vez primeira, lembrou Castro, está “a piques” de chegar a representar Lugo no Congreso o que, sen dúbida, defenderá “única e exclusivamente os intereses da provincia e dos galegos e galegas”. Daniel Castro insistiu na necesidade de encher este domingo as urnas con votos do BNG para “conseguir que as necesidades de Lugo estean en Madrid”.