Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Castro en Burela: “Galiza debe asumir a plena capacidade para rexer o seu sistema sanitario, sen interferencias de ningún tipo”

O BNG aposta por unha nova Lei de Universalización que garanta o dereito á asistencia sanitaria con carácter universal

Lugo, 12 de xullo de 2023. O número un do BNG por Lugo, Daniel Castro, visitou a Mariña Lucense onde asegurou ante os medios presentes que “a situación da sanidade pública é un dos principais temas de preocupación para o BNG, algo máis que xustificado xa que o seu deterioro non fai máis que aumentar”.

Castro cualificou a situación como unha “alarma sanitaria” na que as persoas máis vulnerables son tamén as máis afectadas. “Tanto o Goberno español como o galego poñen todo o empeño, non en solucionar os problemas, senón en controlar a realidade a través do relato, co fin de materializar o seu plan clarísimo de empurrarnos cara á sanidade privada”. Insistiu en que a situación actual non é froito da casualidade, “é o resultado dunha voadura programada que levan materializando dende hai moito tempo, nun obxectivo claro de mercantilizar a sanidade”.

Isto provoca, explicou, que a sanidade galega se transforme nun nicho de negocio, coa consecuente perda do dereito á universalidade; algo que o BNG quere evitar apostando por unha nova Lei de Universalización que garanta o dereito á asistencia sanitaria con carácter universal, orientada no fondo e na forma á cobertura sanitaria pública, con garantías, e de calidade para todas as persoas.

Daniel Castro expuxo a necesidade de que Galiza asuma “a plena capacidade para rexer o seu sistema sanitario, sen interferencias de ningún tipo” e esixiu “unha rectificación das políticas que están a deteriorar o sistema sanitario público”, incidindo especialmente nas necesidades de médicos de familia e pediatras dos centros de saúde das distintas comarcas e de medios e persoal en distintos servizos dos hospitais da Mariña e de toda a provincia.

O candidato do BNG insistiu en que, dende o Congreso, fará todo o posible por conseguir “unha atención de calidade que garanta a accesibilidade da poboación aos centros de saúde, consultorios e urxencias en condicións de equidade, independentemente do lugar no que viva”.

Exit mobile version