O BNG defenderá no Congreso un financiamento local adecuado á realidade demográfica e territorial, que garanta a prestación de servizos públicos
Lugo, 13 de xullo de 2023. Daniel Castro, cabeza de lista ao congreso polo BNG, visitou Samos, xunto co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a deputada provincial Iria Castro e a concelleira do BNG en Sarria, Mónica López; onde mantiveron un encontro coa alcaldesa do BNG María Xesús López.
Daniel Castro expuxo as iniciativas que o BNG defenderá no Congreso dos Deputados para a reforma do actual marco de financiamento local, que supón “un agravio para os municipios galegos”. Castro afirmou que o Estado pretende ter “un control dende o centro de toda a actividade económica para espoliar os nosos recursos económicos”, e explicou que esta situación “xera especiais dificultades socias e económicas como son o empobrecemento, a precariedade, a exclusión social, a crise demográfica ou mesmo a emigración”.
Dende Samos, o candidato do BNG quixo clarificar que, fronte a esta situación, “é máis urxente que nunca que Galiza participe con voz propia e con máis forza no debate no Estado sobre os dereitos nacionais e, vinculados a elas, os sociais”. Para Daniel Castro, isto pasa por “superar un modelo autonómico insuficiente e inadecuado para solucionar os problemas económicos das galegas e dos galegos”.
“Os nosos concellos padecen unha insuficiencia financeira estrutural e grandes dificultades para atender os servizos públicos, o que impulsou ao aforro e á redución do gasto público como criterios no funcionamento dos concellos para favorecer a iniciativa privada”, criticou Castro.
Fronte a iso, Daniel Castro deixou claro que o BNG “reclamará que Galiza teña competencia na distribución entre os concellos galegos para rematar coa actual discriminación, e se incorporen criterios propios para o reparto como o avellentamento, a dispersión poboacional e o reequilibrio territorial”.
Para acadalo, o Bloque defende un novo modelo de financiamento para Galiza. “Trátase de que a Galiza recade todos os impostos e teña capacidade para decidir como os inviste, na perspectiva de poder desenvolver políticas sociais, de desenvolvemento económico autocentrado e de blindaxe de servizos públicos universais e de calidade”, recalcou Daniel Castro.